Por Xosé Comoxo
En 1919, pouco despois da terrible gripe de 1918, que causou tantas mortes na vila rianxeira, aconteceu un feito que saltou á prensa madrileña e galega: o Concello de Rianxo tratara de derribar un hórreo que o pai de Castelao edificara, sen permiso, dentro dunha finca da súa propiedade (pero a moi pouca distancia da linde do camiño principal de Fincheira), sen conseguilo grazas ás protestas da veciñanza.
O tema é ese: o pai de Castelao, ao non pedir a correspondente autorización municipal, qué quixo demostrar?; non actuou de forma prepotente?; pensaría que estaba exento desa obriga, cando todo veciño debía cumprir?
Sen dúbida, detrás de todo estaban as inimizades políticas dos dous bandos imperantes.
Os feitos deben ser xulgados por vostedes á vista das versións seguintes:
Visión da alcaldía:
Na sesión ordinaria do Concello de Rianxo de 19 de xuño de 1919, o alcalde Manuel Pérez comunícalle aos rexedores que Mariano Rodríguez Dios (pai de Castelao) tomara a liberdade de construír un hórreo a "orilla de la calle principal de Fincheira" sen ter o oportuno permiso do Consistorio. Por ese motivo tivera que tomar a decisión de suspender a obra "tan luego tuvo conocimiento de ella".
Visto o informe da comisión de obras e da policía urbana, e considerando que Rodríguez Dios non pedira a correspondente autorización, entre outras consideracións (o emprazamento era lugar de tránsito da veciñanza da parroquia de Leiro, coa agravante de que por ese vial estaba proxectado o camiño veciñal "recientemente concursado por este Ayuntamiento con subvención del Estado"; ademais, "esta clase de artefactos situado a la par de los caminos públicos resultan de un pésimo efecto al ornato público", e incluso interrompe a alineación xeral de construción de edificios habitables), os concelleiros acordan por unanimidade que "se proceda a la demolición del repetido granero imponiendo a Don Mariano Rodríguez Dios la multa de quince pesetas". Acordo que lle foi comunicado ao interesado.
Neses intres o Concello apura os trámites, diante do Ministro de Fomento, para que o camiño que vai do Hospital a Quintáns-Isorna (onde está precisamente o hórreo) "se considere incluido en el 3º concurso" verificado o 31 de agosto do ano anterior. A subvención agora corre presa nas dependencias municipais...
O gobernador civil, con fecha 1 de Agosto, confirma "en todas sus partes" o acordo tomado polo Concello no referente ao derribo do hórreo "construido sin autorización" e a multa de 15 pesetas, e autoriza con amplas facultades ao alcalde para ditar as providencias necesarias "hasta llevar a cado dicho derribo".
Visión de Castelao:
Castelao alude no xornal El Sol, que o hórreo estaba situado dentro dunha finca cerrada propiedade da familia (nada di da falta de permiso). Unha vez rematada a construción, despois de dous meses de traballos, o Concello acorda impoñerlle unha multa, e “ordenándole la demolición del hórreo, alegando, entre otras razones sin fundamento legal, que “esta clase de artefactos, situados a la faz (¿par?) de los caminos, resulta de un pésimo gusto al ornato”.
Que o derribo proposto polo Concello fora evitado polo pobo enteiro que se botou á rúa para protestar por tal decisión, “viendo las autoridades que no sería posible realizar el derribo sin que allí ocurriesen desgracias...”
Segundo Castelao: “Es necesario estar desprovisto de toda sensibilidad para planear y ejecutar esta clase de atropellos. Un hórreo, en verdad, nada vale; es una cosa insignificante si se compara con la vida de un hombre. Pero el hecho de que el ciudadano no pueda vivir amparado por las leyes es de una importancia enorme”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario