miércoles, 2 de enero de 2013

O RIANXO DE 1919 E A CUESTIÓN DO HÓRREO DO PAI DE CASTELAO (I)

Por Xosé Comoxo

Os canteiriños de Asados,
gañaban catro pesetas,
saíulles o conto furado,
levaron catro puñetas”

            A crise pesqueira pola que atravesaba Rianxo había máis de catro anos, xunto cos estragos da gripe pasada, complicaba a situación. Dicíase que o pobo estaba a pasar fame, como corroboraban as xentes que viñan das aldeas a vender algún produto do campo, que afirmaban que todos os días ao anoitecer aparecían nas súas portas pedindo persoas “que nunca creían llegarían a ese caso”. Para colmo, o mal tempo de finais de febreiro de 1919, impedía dedicarse ás faenas do mar. Non había taxa para nada, cada comerciante vendía os artigos de primeira necesidade a prezos escollidos de maneira aleatoria; por exemplo, a fariña estaba na praza a 44 reais o ferrado e a libra de carne, a 1,20 pesetas, algo desorbitado. As autoridades locais permanecían impasibles.

            “Los señores que todos los años venden el maíz en la actualidad todavía tienen sus hornos cerrados esperando más alza en el precio, habiendo dicho uno de ellos que este año se habría de pagar a 3 duros ferrado”

            Quen si lideraba unha activa campaña en favor do abaratamento das subsistencias, era a asociación conservadora “Acción”. No seu seno nomean a cinco vocais para representar á clase obreira na xunta local de subsistencias (cando no Concello xa se adiantaran designando a outros cinco). O ambiente político imperante, no intre que nos ocupa, era tenso. Os mariñeiros, pola súa parte, congréganse no Campo de Abaixo, fronte ao Consistorio, para solicitar do alcalde que procure acadar a rebaixa dos prezos das subsistencias e que a xunta local traballase para o seu abaratamento.
Nas rúas aparecen, en pleno verán de 1919, unhas follas anónimas que recollen, con todo luxo de detalles e con palabras duras, a “vida, pasión y casi muerte de todas nuestras autoridades municipales”; o obxectivo principal era que a veciñanza non pagara o imposto de Consumo, mentres o reparto non fora confeccionado “con arreglo al proyecto del Señor Besada, por ser el que aquí han amañado ilegal a todas luces”.
Dada a situación, ese ano os Carnavais pasan desapercibidos na vila. Tan só unha comparsa, dirixida por Arcos Moldes, recorreu as rúas, sen que puideran lucirse os compoñentes a causa do mal tempo.
Para colmo, o popular “Fariña” morre sen que ninguén se decatara da súa tráxica situación. Os veciños ao ver que non saía da casa, entraron na vivenda e atopárono sen vida na cama. Castelao perdeu a un dos seus modelos predilectos. Ao enterro acudiu o pobo en masa con todas as autoridades á cabeza.
            O alcalde do momento era o liberal Manuel Pérez, que estaba ás ordes de Estanislao Pérez Artime, a nivel padronés, e de Manuel Viturro, na capital provincial. As súas diferenzas co pai de Castelao, Mariano Rodríguez Dios, de tendencia conservadora, permanecían inalteradas desde 1910. Eran tantas, que este último, á hora de edificar un hórreo na súa horta de Fincheira, obviou o que a veciñanza neses casos realizaba de forma obrigatoria, pedir no Concello a correspondente autorización, conforme o artigo 12 das Ordenanzas Municipais vixentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario