domingo, 7 de febrero de 2010

RIANXO: OS DÍAS PREVIOS Á REVOLUCIÓN DE OUTUBRO DE 1934

Por Xosé Comoxo e Xesús Santos



Unha das preocupacións do Goberno da Segunda República nos comezos de setembro de 1934, eran as folgas xerais e as algaradas declaradas en diversas capitais. Segundo o ministro da Gobernación, a de Asturias non tiña fundamento algún de reivindicación, e só era un “torpe propósito de regular el ejercicio de los derechos del ciudadano por la violencia de directivas y sindicatos; es el afán de impresionar al pais ofreciéndole el espectáculo de que una orden basta para paralizar la vida de una ciudad”. Ante os acontecementos, a partir do día 15 de setembro, suspéndense toda clase de actos públicos, reunións e manifestacións.


O momento político era de verdadeira inestabilidade e un sector da poboación opinaba que era necesario un Goberno de coalición capaz de xuntar aos “elementos” necesarios para obter maioría parlamentaria e así intentar levar o temón da nación. A desorde pública nas rúas desbórdase nun sen fin de poboacións, especialmente en Cataluña, e o Goberno vese obrigado a firmar un Decreto declarando o estado de alarma. No Concello de Rianxo recíbese un bando do gobernador civil en tal sentido, que será dado a coñecer en todo o municipio.


Na provincia da Coruña, a dicir do gobernador civil, a orde pública era perfecta, e a vixilancia para controlar calquera intento subversivo, a debida: “la defensa de los intereses del régimen constituído y de la causa del orden está plenamente garantizada y la autoridad está suficientemente advertida de cuanto se trama”. A autoridade gobernativa non tardou en redactar un bando avisando da implantación do estado de alarma e, cando esa nota sae á rúa, xa os concelleiros rianxeiros deixaran de asistir ás sesións, e non por motivos da festividade de Guadalupe, que, dito de paso, non parecía estar no seu mellor momento, a pesar do interese da comisión de festexos, e incluso do propio Concello, que lles cedera a recadación municipal dos postos públicos.


Unha vez rematados os festexos, ten lugar un acto subversivo de pouco alcance. Un tal Serafín Cardama Diz “Velloso” (natural de Padrón e con residencia en Ribeira), de oficio panadeiro, dedicouse a repartir follas clandestinas provocando á rebelión. Días máis tarde, na noite do 24 ó 25 de setembro, un grupiño de mozos de Taragoña (entre eles, Inocente González Rey, José Romero Rial, Miguel Miguéns Villanustre e José Agrelo Tubío), encabezado por Cardama, recorreu varias tabernas, comendo e bebendo ata “encudarse”, feito que non tería importancia se non se dedicaran posteriormente a cortar o “alumbrado público y de conducción de energía de la fábrica de aserrar maderas de Manuel Escurís, entre otros, acompañado (Cardama) de sus agradecidos invitados”. O que máis inquietou á garda civil foron os gritos subversivos e outras barbaridades cometidas, que orixinaron a intranquilidade da veciñanza: “Todos fueron detenidos, a excepción del Cardama que desapareció y al que se busca activamente. Dióse cuenta de todo ello al Juzgado de instrucción”. Cardama será procesado o 10 de outubro, e o xulgado de Padrón ditará auto de prisión contra el.


A pesar de todo, as diversas comisións de festas do municipio non interrompen as súas algarabías festeiras. O 6 e 7 de outubro celébrase a do Rosario, con verbena e baile ata as 11 da noite; o mesmo que en Asados, a dos Dolores, durante o 13 e 14; posteriormente, Taragoña... Sen embargo, en Rianxo hai algúns presos nos baixos do Concello, que ben puideran ser os “revoltosos” de Taragoña (ao menos un deles estaba relacionado co estado de alarma existente no municipio). O alcalde e o tenente de alcalde, así como o secretario Sanluís Calvelo, apuran do Goberno Civil a licenza de armas.


Despois dun mes pechado o salón de sesións, os concelleiros rianxeiros reúnense o 1 de outubro. Na xuntanza sae a relucir o resultado da poxa das obras do cuartel da garda civil e da ponte da Laxe; recoñecen a necesidade de construír un grupo escolar na vila e adquirir locais onde instalar as escolas existentes no edificio da Benemérita; neste último aspecto, decídese habilitar os baixos do Concello para tal fin. Da crise do Goberno nacional e da delicada situación non se fai constancia. Os concelleiros estaban avisados polo gobernador de que non deliberaran nin tomaran “acuerdos sobre asuntos que no sean puramente administrativos, obligación de cuyo incumplimiento se harán responsables al alcalde y al secretario”. A revolución de Asturias estaba a punto de comezar, así como outros sucesos graves na vila. Por uns días cerrará de novo o salón de sesións.