sábado, 30 de marzo de 2013

Notas sobre a sociedade “Hijos de Rianjo”, fundada en Bos Aires en 1911


Xosé Comoxo

A crise profunda pola que pasaba Galicia, fixo que nos primeiros anos do século XX a emigración, especialmente a Bos Aires, fora unha constante. De Rianxo saían do porto de Vilagarcía ducias de homes, mulleres e familias enteiras; os que quedaban, ou ben era por falta de diñeiro para afrontar a viaxe ou por falta de decisión. Entre os que marcharon figuran o gaiteiro, o director da banda de música (José B. Piñeiro) e o destacado redactor do semanario conservador El Barbero Municipal (Rañó Alcalde).

Os centos de emigrados, unha vez asentados, deciden crear o 6 de abril de 1911 unha sociedade que chamarán “Hijos de Rianjo”. A comisión directiva estaba formada por catorce persoas, figurando na presidencia Manuel Domínguez García. Querían imitar o bo facer dos fillos de Lalín, asociados no centro “Hijos del Partido de Lalín”.
Os conservadores locais, a través do seu periódico, non tardan en mandarlles un recado: “Acordaos, sí, que Rianjo sufre persecución de la justicia, que está bajo el poder del peor de los Poncios liberales, para befa y escarnio de la sacrosante libertad”.
Un dos propósitos da sociedade era xuntar cartos coa finalidade de construír e soster un asilo para os pobres da súa vila natal, e contribuír a realzar as festas de Guadalupe. En abril de 1912, xa proxectaban celebrar unha velada artística en honor de Castelao, polos seus logros pictóricos. Nunha carta que lle envían a Arcos Moldes, mostran interese por acadar unha obra do rianxeiro “para exponerla y admirarla nosotros aquí, así como el trazado del escudo que habrá de ostentar nuestro Centro”; sería o mellor medio, segundo eles, de atraer aos “elementos aún dispersos, haciéndolos entrar definitivamente en el núcleo común, para bien de todos y honor de nuestra villa”.
A ese efecto, a comisión directiva inicia unha subscrición entre os asociados. Se Castelao aceptara, o cadro presentaríano ao público no salón “Centro de Almaceneros”, durante unha velado na súa honra. Nese ano non foi posible.
O pintor descúlpase por non poder cumprir co desexo de todos. Promételles que se poñería a traballar para compracelos de forma gratuíta; procuraría que o cadro fose o mellor “que hasta el presente haya producido”. É o intre no que os emigrados envían a Rianxo un busto en bronce de Castelao como obsequio.
O lenzo prometido chega a Bos Aires, por medio do emigrado Luís Lorenzo, e será presentado ao público en abril de 1913 nos amplos e elegantes salóns do “Centro Almaceneros”. O cadro, que na actualidade leva o nome de “Camiño da festa” (depositado no Centro Galego), foi presentado por José R. Lence, director de El Correo de Galicia:            

“El cuadro de Castelao es notable. Se ve en él un paisaje gallego (...) Y en el primer término, destacándose con gallardía sobre el paisaje, veis un músico ciego, el clásico músico ciego de todas las fiestas galaicas. Los trazos de la figura son enérgicos (...) Marcha el ciego apoyando su mano siniestra en el hombro de un rapaz que le sirve de lazarillo...”

Ao comezar o segundo aniversario do centro, os ánimos dos asociados estaban algo alterados. O presidente é obxecto de críticas por non aterse ao regulamento, e será relevado. Tamén sae o tesoureiro Ramón Piñeiro Jamardo. O horizonte da sociedade non estaba claro e, de seguir así, o fracaso sería inevitable. Prodúcense algunhas baixas. Colle a presidencia Cándido Abuín e a vicepresidencia, Manuel Otero, de Taragoña. Con todo, en 1913 tiñan o propósito de fundar escolas en Rianxo para os nenos pobres; incluso celebran as festas de setembro cunha gran función de baile no salón “Les Enfants de Beranger”.
Os desanimados, entre os que están varios das diferentes parroquias rianxeiras, deciden formar outro centro, en xullo de 1913, que pensaban denominar “Centro Protector Rianjo y sus Contornos”; na iniciativa figura Vicente Otero Castro e José María Iglesias Suárez, que será o presidente.
Os do “Centro Hijos de Rianjo”, deciden cambiarlle o nome á sociedade, e escollen o de “Hijos del Distrito de Rianjo”. Con ese nome continuarán activos algúns anos.