martes, 2 de marzo de 2010

O CACHALOTE QUE APARECEU EN TANXIL EN 1916



Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Na mañá do 9 de novembro de 1916, cando tendían as redes cerca da Punta do Chazo, uns mariñeiros de Rianxo viron pasar, a pouca distancia, un “animal enorme” (de 16 metros de longo por 8 de circunferencia) para eles descoñecido na “fauna marina”. Levaba dirección da praia rianxeira de Tanxil.

Ao pouco tempo, cara as once, espallouse a noticia de que nas proximidades da citada praia, encallara un “pez de grandes dimensiones”. Alá se foron un bo número de mariñeiros e outras persoas, entre as que estaba o cabo de Carabineiros, Hernández, e o industrial Manuel Pérez.
Diante del, case todos emitían a súa opinión respecto dos medios que se debían empregar para apoderarse definitivamente do “estimado huésped”. Outros preferiron discutir sobre quen tiña máis dereito á presa.

Como o cetáceo daba probas de grande vitalidade, decidiron acometelo. O cabo de Carabineiros descargoulle máis de doce tiros de maüser na cabeza.

“Algúns rapaces tiveron a moito honor recoller os casquillos pra asubiar niles e dicir aos outros que non estivera alí: -¿Velo? ¡É de fusil!”

Fixéronlle explotar “casi en contacto una bomba de dinamita”, e ata houbo algún mariñeiro que lle deu varios “hachazos”. O animal, debida a tanta saña, sangraba abundantemente.

-“Así non fas nada, home. Estás perdendo o tempo. Faguede a cousa con orden”

Todo se fixo sen orde e sen a debida preparación.

A marea crecía. Agora, as “digresiones” sobre quen tiña máis dereito á presa, abundaban.

A un mariñeiro ocorréuselle engancharlle á cola un cabo, e todos comezaron a tirar polo animal, ata que conseguiron poñelo cara ao mar. Foi cando comezou a tomar auga e adentrarse na ría. Quedaron todos cun “palmo de narices”, vendo marchar o prezado “tesouro”.

Os de Rianxo perderon unha boa presa. Non foi posible “por ignorancia y por un mal entendido egoismo”. “Será certo. Eu non sei que pensar. A unión sempre é boa”. Beneficiaranse os veciños de Vilanova de Arousa, despois de atopar o cachalote en bastante mal estado na praia das Sinas.

“Vin despóis o seu esquelete, iñorme e sanguiñento, do que se podería ben faguer un bó navío. E vin as cubas en que foran botando o seu mesto saín, e a cinza das fogueiras en que se derretera... E sentín, xa unha milla denantes de chegar ao campo do seu sagrifizo, o cheiro arrepiante dos seus restos...”

Discutiuse durante algún tempo “encol de se era xusto que Vilanova fose dona da balea sen dar parte a Rianxo. Pero eu dígovos que nós (os rianxeiros) tivemos a parte máis fermosa”


1) Rafael Dieste: De cómo veu a Rianxo unha balea
2) Gaceta de Galicia, 14-11-1916: DE RIANJO: El ballenato de las Sinas