viernes, 28 de febrero de 2014

APUNTES SOBRE UN HISTÓRICO CLUB DE FÚTBOL: O SANTA LUCÍA DE ASADOS

Xosé Comoxo/Xesús Santos

Na posguerra, a mocidade da parroquia rianxeira de Asados tiña, entre outros pasatempos, a práctica do fútbol no seu campo de Santa Lucía, en regulares condicións. Ao equipo denominárono “Rápido de Asados”, aínda que popularmente coñecíanse como “os de Asados”.
            A finais de 1951, fundan un conxunto que chamaron Santa Lucía e, meses despois, xa se albiscaban disputando un partido amigable en Barraña; a dicir das crónicas, “el equipo forastero, de nueva formación, gustó mucho por su conjunto”. Continuaron preparándose e xogando contra outros equipos; o disputado contra o Pazos con motivo do primeiro aniversario dos asadenses, resultoulles favorable, con 4 goles marcados polo dianteiro centro Pérez.
            O equipo fedérase en 1952, baixo a presidencia do señor Amable Muñiz Tubío. A partir dese intre, o vicepresidente Esteban Horta encargouse de que todo funcionara á perfección, ao lado do xogador Evaristo, con quen se desprazaba en bicicleta a diferentes lugares para contratar encontros amigables. A casa de Esteban era a “lavandería” da indumentaria, que corría a cargo da súa dona María. De alimentar aos xogadores de fóra, con bocadillos, encargábase o señor Amable, ou ben antes ou despois de cada partido, a poder ser antes, para que colleran forzas. Non se debe esquecer a Manolo “o Paragüero”, sen dúbida un dos que máis traballou na organización; e ao xastre Ramón Pimentel e súa dona Juanita, que mantiñan intactas as camisetas.
            O ano 1954 foi o máis interesante do equipo, a pesar da desfeita final; incluso para os demais conxuntos do municipio (Rianxo e Amanecida), ao estaren os tres no campionato das Rías Baixas. Os compoñentes do Santa Lucía mostráronse ilusionados, tanto, que contrataron un adestrador cun amplo historial, Venancio, que traerá novos e descoñecidos métodos de adestramento. Con todo, as cousas non discorreron como desexaban todos ao non acompañarlles os resultados, o que motivou que a afección deixara de asistir ao campo. A falta de tres encontros para rematar a liga, e cando estaba programado un partido contra o Barraña, decidiron non presentarse. A triste realidade fora anunciada días antes na prensa de Santiago: “(...) de no reaccionar la afición con mayor generosidad y sacrificio, el Santa Lucía tropezará con serias dificultades económicas para hacer frente a los gastos que acarrea la competición. No debemos olvidar que los equipos se desplazan por su cuenta y solo pueden resacirse con los ingresos en el propio campo”.
            Ese foi o motivo polo que a Federación decidiu castigalos severamente. A partir dese intre a súa clasificación quedou con cero puntos, ao igual que lle aconteceu ao Amanecida e ao Chispa, da zona Sur. A directiva decidirá, en anos sucesivos, non participar nas Rías Baixas, tendo que darse de baixa na Federación.
            Proseguiron disputando partidos amigables durante bastantes anos. A propaganda previa aos encontros veciñais, neste caso Araño-Santa Lucía, deixou na comarca unha frase célebre, aínda recordada hoxe; dicían: “¡No se juega un partido de fútbol, se juega el honor entre dos pueblos!”