sábado, 9 de mayo de 2015

MANUEL BERMÚDEZ FERNÁNDEZ, MESTRE EN RIANXO (MEDIADOS DOS 50)

Meses antes de falecer o noso grande amigo José Manuel Romero “o Louseiro”, deixou escrito no fb unhas notas sobre o noso mestre Manuel Bermúdez Fernández, natural de Viveiro, que exerceu en Rianxo dende mediados dos 50 ata finais dos 60. Recordábanos que era membro dunha familia esencialmente musical, e que os seus sobriños eran compoñentes do Grupo “Os Píndaros” de música pop nos anos 70/80.
Tivo a escola nos baixos da casa de Rafael Dieste, pola parte da Ribeira, onde non podía faltar, nuns intres determinados, que os alumnos entoásemos as cancións que el tiña no seu “repertorio”. Romero recordaba aquela de “Adiós me marcho, para Venecia, adiós Lucrecia te escribiré...”, así como “Al olivo al olivo, al olivo subí, por coger una rama, del olivo caí...” Non recollía máis desta última canción, quizais porque non se acordara dela. A canción completa era esta (Amigo Romero, esteas onde esteas, xa a podes entoar completa ¡Adeus, e ata que nos encontremos...¡):   
Al Olivo, Al Olivo
Al olivo, al olivo,
al olivo subì.
Por coger una rama
del olivo caí.
Del olivo caí,
¿quién me levantará?
Una niña morena
que la mano me da.
Que la mano me da,
que la mano me dio,
una niña morena
que es la que quiero yo.
Que es la que he de querer,
una niña morena,
que ha de ser mi mujer.
Que ha de ser y será
esta niña morena
que la mano me da.

viernes, 8 de mayo de 2015

CRUCEIRO DE CAPELA DE ARAÑO: UNHA DESFEITA


 

Ao parecer, vaise presentar un libro sobre os cruceiros de Rianxo. Tal noticia fíxome recordar os anos nos que andei á procura de datos e sacando fotos e debuxos relacionados co tema, para precisamente iso, sacar un libro. Non foi posible ata o de agora, e xa van alá uns 20 anos.
Conservo unhas fotografías dun cruceiro de capela do Araño, situado no camiño que vai da igrexa ao pazo dos “Calote”, que era unha xoia. Digo era, porque anos despois, ao volver ao lugar, leveime unha desagradable sorpresa: ao cruceiro faltáballe a fermosa e ben traballada cruz, coa figura de Cristo, e a imaxe da Virxe co neno no colo, que tiña dentro da capeliña. Os bárbaros deran conta delas.
Supoño que haberá nos arquivos familiares fotos de tal cruceiro coas referidas imaxes. Por se non fose así, poño aquí dúas do meu arquivo, para que se o teñen a ben os amigos RABUÑO e JOSE FERNANDEZ FIGUEIRA, tan amantes das obras de arte, as garden nos seus arquivos por se algún día se estuda a historia de ARAÑO, poño por caso, ou se fai algún pequeno museo na parroquia. Que todo pode ser.

Espero que sexan do seu agrado.