domingo, 25 de septiembre de 2011

PANCHO MARTÍNEZ: mensaxeiro no alén




Por José Manuel Romero Iglesias
(Do libro-revista da GUADALUPE-2011)






Na noite silandeira entre as amigas bamboliñas
sen público, sen adeuses, sen ningunha despedida,
baixa suave, coma o suave voar das anduriñas
o desourentado pano do teatro da vida,
o destino incongruente atenázalle o corazón
e Pancho atravesa o umbral ata outra amañecida,
mais de súpeto soan aplausos e levántase o telón.

O elenco imaxinario que Pancho reverdeceu
aplaude posto en pé, o seu novo Director,
son personaxes universais, pro rianxeiros de seu,
O Garreante, Ramonciño, Sabela e o bailador,
Sinforosa, Don Miguel, Matapitos e Pimpinela,
pervivirán cos Rianxeiros, con Don Saturio e tamén Lela,
mentres bulan no maxín dun Barbeiro Soñador.

Pancho sube as táboas e fai outra vez de actor,
como fixo en Almagro, en Lisboa, no Romea ou no Español,
Familia, veciños, compañeiros, eu sigo co mesmo ardor
que puxen escribindo no meu exiguo cartafol,
levando con orgullo ser galego e rianxeiro
agora en singraduras ata mais alén do sol
pero este xoves (de Guadalupe) vereivos no Feirón Mariñeiro.



lunes, 12 de septiembre de 2011

Pandereteiras do grupo " Vai de Roda " .

A VIRXE DE GUADALUPE RIANXEIRA

Xosé Comoxo, desde Rianxo


NESTES DÍAS CHUVIOSOS DA GUADALUPE, QUEREMOS SAUDAR AOS RIANXEIROS TODOS, ESTÉN ONDE ESTÉN, E DESEXARLLES O MELLOR. BOAS FESTAS


O CREGO DON VALENTÍN LOSADA VÁZQUEZ: BREVES NOTAS BIOGRÁFICAS

Por Xosé Comoxo

Valentín Losada, fillo de José Losada Caamaño (falecido en 1910) e Manuela Vázquez (de Araújo) Seco, é bautizado en Rianxo o 6 de decembro de 1874; exercen de padriños Gregorio Sánchez Triñanes (natural de Boiro) e a súa dona María Vázquez Seco (casados en setembro de 1871), tíos do rapaz e pais de Purificación Sánchez (quen casou con Ramón Pérez, en novembro de 1898, e foron pais do poeta do mar Manuel Antonio).
O neno, despois de asistir á escola da vila, ingresa no Seminario Conciliar de Compostela, onde remata a carreira de Teoloxía, en 1898. Máis tarde, obterá o título de doutor en Dereito Canónico.
Unha vez ordenado sacerdote, é destinado a Pontevedra para facerse cargo das cátedras de Relixión e Historia Sagrada, no Instituto e Escola Normal. Exerce de coadxutor na parroquia de San Bartolomeu, da mesma capital. Posteriormente, en 1903, e mediante concurso para prover curatos vacantes na Arquidiocese, obtén a parroquia de Cangas.
Desde mediados de xaneiro de 1905, está de “coadjutor in capite”, na vila canguesa, quedando de ecónomo ao morrer o crego José Martínez. En decembro do mesmo ano, a corporación municipal de Cangas solicita do Cardeal de Santiago, Martín de Herrera, que Valentín fose nomeado párroco en propiedade, ao que accedeu despois do concurso de curatos de 1910.
En 1911, predica en Rianxo, durante a misa maior da Virxe de Guadalupe. En agosto de 1912, tamén está predicando na misa da Virxe da Peregrina, en Pontevedra.
De vez en cando, recibe a visita do fillo de súa prima Purificación Sánchez, Manuel Antonio (futuro poeta), e pasa con el algúns días con vistas de cursar a carreira de crego, o que non era do agrado do rapaz, segundo lle indica por carta a súa nai: “Querida mamá: Yo me encuentro aquí en Cangas desde el 7 de octubre, pero me marcho a Padrón para Santa Cecilia, porque no quiero ser cura. Recuerdos de todos...”.
Nos comezos de xaneiro de 1926, o crego pasou por unha grave enfermidade, da que saíu ben.
No concurso de 1929, despois de acadar a nota suprema, é designado para rexentar as parroquias de Santa Susana e San Frutuosa, en Santiago, onde toma posesión o 23 de outubro de 1930. “Nuestro querido amigo el nuevo párroco de San Fructuoso y Santa Susana, don Valentín Losada nos comunica haberse posesionado del cargo” (El Compostelano, 24-12-1930). Nesas datas é cando o Concello de Cangas o nomea Fillo Adoptivo.

“Esta mañana se celebró fiesta religiosa en la iglesia de San Fructuoso; la Misa cantada estuvo a cargo del nuevo párroco don Valentín Losada Vázquez” (El Compostelano, 16-12-1930)

En xaneiro de 1931, os fregueses de Cangas, como mostra de cariño ao que fora seu crego durante 26 anos, agora en Santa Susana, despois dunha subscrición popular ofrécenlle un cáliz, construído pola ourivaría de Augusto Otero, con expresiva dedicatoria e os escudos da vila e parroquia incrustados nel: “Será entregado ese día (14 de febrero) por ser en el que celebra su fiesta onomástica el homenajeado”.
Asiste á misa solemne da Virxe de Guadalupe de 1931, na que predicará.
En setembro de 1933, predica na misa da Virxe dos Dolores, na parroquia de Sorribas-Rois. En decembro, preside, en representación do Clero, o enterro de Rodríguez Cadarso.
Comezada a guerra civil, mostrará unha inusitada devoción polos de Franco. Estando en Rianxo, asiste a diversas celebracións por algunha toma dunha capital; tamén se ve nas arengas que daban os falanxistas desde o balcón do Concello, onde chegou a exclamar, moi alegremente ¡Viva la muerte! (quizais copiando a Millán Astray). En outubro de 1936, participa nunha doazón, con 10 pesetas, para as Milicias de Falanxe, de Rianxo; e con 100 pesetas, para as forzas armadas de Franco (Faro de Vigo, 9-9-1936). En marzo de 1937, dá un donativo, de 10 pesetas, para os heroicos soldados que loitaban en Asturias...
Como elocuente orador que era, e atendendo aos desexos dos seus antigos fregueses, acode a Cangas para predicar na solemnidade da Inmaculada e na de Santa Lucía. Alí sorpréndeo a morte, o 19 de decembro de 1937, aos 63 anos.
Nas súas parroquias de Santa Susana e San Fructuoso, de Santiago, a noticia causou unha gran tristeza “puesto que todos los fieles tenían un aprecio grande al buen párroco, por su labor al frente de las mismas, en las que propagó e intensificó el culto a la Stma Virgen del Pilar en su capilla de Santa Susana, y demostró gran interés por las asociaciones religiosas”.
Contaba con infinidade de simpatías e afecto “pues su carácter afabilísimo rebosante de bondad lo ha puesto de manifiesto en todo momento, lo mismo que sus grandes sentimientos de conmiseración hacia el prójimo desvalido”.
Foi enterrado ao lado de súa nai, no cemiterio de Cangas.
O concello daquela vila faise cargo dos gastos causados pola súa enfermidade e enterro. “El cadáver estuvo expuesto en casa del Sr. Boullosa, gran amigo del extinto, y fue visitado por los vecinos de esa villa y sus contornos que rezaban ante él el Santo Rosario”. O paso do cadáver polas rúas, camiño do cemiterio, resultou unha verdadeira manifestación de sentimento, que o pobo en masa despedía coa frase de “padre de los pobres”.
Ao enterro asistiron diversas asociacións relixiosas da parroquia, figurando as bandeiras da Asociación Nocturna e da Juventud de Acción Católica masculina, así como a Sección Feminina, de Santa Susana. Estiveron presentes o crego rianxeiro don José Benito Fariño, e o de Asados, don Plácido Silva; tamén o sochantre de Iria e seu parente, don José Sánchez Vázquez; así como Antonio Losada Rodríguez, José Martínez, e bastantes amigos máis.

“El párroco de Santa Susana habíase captado en nuestra ciudad (Santiago) enormes simpatías y grande copia de admiraciones por lo cristiano de su gestión y sus dotes de organizador de juventudes católicas, catequísticas, de acción social, etc y por sus dotes de orador y de publicista” (El Pueblo Gallego, 21-12-1937)

Un ano despois, a corporación de Cangas, dedícalle o seu nome á rúa onde falecera, e réndelle unha homenaxe póstuma, á que asiste o pobo en xeral, diversas xerarquías falanxistas, e, en representación da familia, o sochantre de Iria don José Sánchez:

“Sobre la tumba del llorado párroco se depositarán flores por los niños de las escuelas, de la Catequesis, que fundo hace años el finado, Asociaciones religiosas y pueblo en general, pues todos sus feligreses se disponen a dedicarle una flor, en prueba de admiración y cariño a su infatigable labor religiosa y social, cuyo recuerdo perdurará siempre entre los cangueses”