martes, 26 de agosto de 2014

A ANCIANIDADE DE MÁXIMO SAR

Xosé Comoxo



Nestes días de choiva de agosto, o amigo Xesús Santos e máis eu, fixémoslle unha visita a un venerable ancián: Maximino Rodríguez Buján, coñecido como Máximo Sar. Vive a súa ancianidade en Caldas de Reis cunha boa lucidez, a pesar dos seus 92 anos. Recoñeceunos que da cabeza estaba ben, o malo eran os achaques do corpo, que non lle permitían durmir tranquilo.
Actualmente xa non escribe. A súa cabeza, a pesar de estar ben, xa non está para eses trotes. ¡Ten outras moitas cousas nas que pensar...!
No seu arquivo paran centos de folios escritos por el, que publicou en diversos xornais ao longo dos anos. Pacientemente foinos fotocopiando e arquivando. Sobre Rianxo e os rianxeiros conserva un bo número de traballos.
A estas alturas non entendemos como a prensa de Galicia non ten un oco nin para dedicarlle unha simple entrevista, aínda que somos sabedores de que el non está para eses mesteres. A súa figura está totalmente abandonada. O Concello de Caldas de Reis, que anos atrás creou un premio, creo que de narrativa, co seu nome, ao noso entender debería facer algo máis por el. Eses traballos que diciamos antes, terían que saír á luz en forma de libro. Aí si podían influír bastante os políticos caldenses.