jueves, 5 de septiembre de 2013

RIANXO: O PÓSITO DE PESCADORES E A SÚA ESCOLA DE ORIENTACIÓN MARÍTIMA

Por Xosé Comoxo

Para o recordado amigo Manuel Dourado,
asiduo colaborador que foi, de sempre,
dos libros das festas de Guadalupe.

Fundación do Pósito de Pescadores
Ata a fundación do Pósito, os mariñeiros permaneceran indiferentes ao movemento industrial e apartados das organizacións obreiras. En xeral, non sentiran a necesidade de constituír verdadeiras asociacións para resolver os problemas que a diario se lles presentaban.
Durante os anos 1915-1922, nun ambiente propicio para a loita social, nos principais portos organizáronse sociedades de resistencia coa finalidade de alcanzar certas melloras (en Rianxo a Asociación de Marineros y Productores en General; a Unión Obrera e a Pinera Marítima). Estas sociedades alcanzaron unha formidable notoriedade, non obstante, todo se foi evaporando ata chegar á disolución de todas elas e á desmoralización dos socios, aparecendo neles certo resentimento contra toda clase de asociacionismo.
Don Alfredo Saralegui Casellas (Ferrol, 1883-Madrid, 1961), en 1915, presenta un proxecto de creación de Pósitos para pescadores (acollido favorablemente polo Instituto de Reformas Sociais), coa finalidade de que o mariñeiro se asociara en cooperativas, para chegar á supresión dos intermediarios e á realización de funcións relacionadas coa explotación da industria marítima, dedicando as ganancias a fins de previsión social e a beneficiar ao consumidor abaratando os produtos da pesca.
Dos labores de expansión encargouse o propio Saralegui, quen se acercou a diferentes portos para pregoar as vantaxes que traía consigo o asociacionismo dos Pósitos. Comezou polas rías galegas, onde creou o de Cambados, en 1917.  Os de Rianxo e Carril logrou fundalos en xuño de 1919; o primeiro, baixo a presidencia de Luís Rodríguez Losada, e unha comisión composta por Manuel Miguéns, Ramón Vicente Losada, Fernando Alcalde, Manuel Figueira Martínez, Benito Fachado, Vicente Sobradelo, Antonio Ramos, Juan Collazo e Juan Domínguez.
En xullo de 1919, reúnense no domicilio social de Acción (sociedade que estaba a levar a cabo unha campaña en favor do abaratamento das subsistencias) un número importante de mariñeiros co obxecto de constituír a entidade. Unha vez lido o seu regulamento, que fora escrito por Arcos Moldes (en 1922 redactará un novo documento), inscribíronse 150 mariñeiros.
No capítulo I, artigo 1º, especifican a intención de perseguir o aumento do benestar e a ilustración do mariñeiro asociado. Tratarían de organizar convenientemente a venda do peixe. Procurarían que os asociados dispuxeran de diñeiro para conservar as embarcacións e as artes de pesca; así como os efectos que necesitasen a prezos accesibles. Intentarían, tamén, atender as necesidades de vellos e inválidos.
O domicilio social sitúano na rúa Ancha, número 7; posteriormente, pasará a un local da casa dos Dieste, da rúa de Abaixo.
En 1923, ponse á fronte da entidade Mariano Rodríguez Dios; na secretaría está Cesáreo Losada. En 1925 compran unha casa na Ribeira por 3.000 pesetas, para no seu día construír unha nova sede social. Finalmente lograrán edificar un edificio de planta baixa e grandiosa terraza, para dedicalo a centro de ensinanza; a opinión pública lamentouse do pouco acerto acadado en canto ao “salón de clases, por ser muy reducido”. O costo total ascendeu a unhas 20.000 pesetas.
En 1928 comezan os problemas entre os asociados. A entidade era vítima de certas anormalidades e a man “de la usura hace que el sudor de estos pescadores sea repartido entre los intermediarios”. A finais dese ano asume a presidencia Juan Ordóñez Ces. As anomalías continuarán, e o malgastar tamén; incluso funcionaron dúas xuntas directivas a un tempo, chegando a ser focos ou “semillero de rencillas y malquerencias en evidente oposición a los verdaderos fines de tan benéficos establecimientos”.

Sección Cultural-Escola de Orientación Marítima
Dentro da “Sección Cultural” do Pósito, existía un regulamento especial, datado en outubro de 1921, que recollía como obxectivo aumentar a cultura dos asociados. Fomentarían a lectura, conferencias, proxeccións cinematográficas, teatro, concertos, veladas musicais e literarias, etcétera. Terían ao seu cargo unha biblioteca e formarían un museo escolar de pesca.
Nesa data (1920), xa lograran crear unha escola particular de coñecementos xerais e de ensinanza para a obtención do título de patrón de pesca, entre os fillos dos asociados. Era gratuíta, xa que acadaran unha subvención da Caixa Central de Crédito Marítimo (durante tres anos, o citado organismo abonará sen interrupción os haberes do mestre, ata a súa nacionalización). Arcos Moldes, “constante amigo” de todos, mostrou a súa algarabía publicamente e chamará aos rianxeiros a asistir á escola: imprime unhas follas nas que razoa os beneficios enormes que para Rianxo lograra o Pósito coa creación da escola; segundo el, este novo centro de cultura, axudaría de forma significativa a redimir da escravitude e ignorancia á clase mariñeira.
Despois de levar funcionando máis dun ano, “indebidamente” segundo se dixo, a escola foi denunciada por Santiago Amigo, mestre nacional, logrando que o Inspector de Ensinanza procedera á súa clausura mentres non estivera autorizada. Con todo, os dirixentes do Pósito poñen un anuncio na prensa, en febreiro de 1921, na busca dun mestre de escola; decisión que será recorrida ao reitor da Universidade de Santiago, por outro mestre (da escola nacional de nenos do 1º distrito de Padrón), Joaquín Castaño González, natural de Rianxo, mentres non fora designado para tal cometido un mestre nacional. É o intre dos comezos da legalización e dos trámites para que a escola fose recoñecida oficialmente.
En novembro de 1921, o presidente Mariano Rodríguez Dios solicita do Reitor da Universidade de Santiago, a debida autorización. Designan para dirixila a Cesáreo Losada Figueira (fillo de Florentino Losada Caamaño e Juana Manuela Figueira, residentes na rúa de Arriba), exalumno interno de 2º ano de Sagrada Teoloxía e exprofesor de Colexios de 1ª e 2ª Ensinanza.
O local, duns 48 metros cadrados, situado na parte baixa da casa dos herdeiros de Eladio Dieste Muriel, na rúa de Abaixo número 1, con entrada polo paseo da Ribeira e pola calella da Travesía, conta co beneplácito da alcaldía en canto a salubridade, seguridade e hixiene.
A nivel nacional, os Pósitos proporán que as vacantes de mestres nas escolas marítimas fosen cubertas por mestres comprendidos na escala xeral do Maxisterio. A nacionalización destas escolas é decretada en agosto de 1927. A ensinanza seguiría sendo a primaria, cunha orientación marítima pesqueira. Por outra banda, os mestres recibirían un cursiño deses coñecementos; convócase o primeiro, en abril de 1928, sendo un dos asistentes Antonio Cerdá Alemany, de 30 anos, que rexentara a escola de Sobrejos-Ponga (Oviedo), quen será o elixido para a vacante de Rianxo, en xullo de 1928.
Toma posesión en setembro. Coincidindo coa apertura do curso escolar e a festividade da Virxe dos Dolores, celébrase un acto que quedará “grabado con letras de oro en el corazón de los habitantes de este pueblo”. Consistiu nunha reunión da xunta local de ensinanza, mestres, elementos civís, militares e eclesiásticos, no salón de sesións do Consistorio, na que se lles regalou uns premios aos nenos máis sobresaíntes do curso anterior. Posteriormente, e aos acordes da banda de música, a cargo de José Rodríguez o “Requinto”, dirixíronse ao novo local escolar, situado no edificio do Pósito, que fora “reconstruído” na Ribeira, para ser bendicido polo crego Fariña Garabán, “resultando el acto más emocionante y culto de cuantos se han celebrado en este pueblo”.
En agosto de 1934, Cerdá Alemany marcha de Rianxo, para fixar a residencia en Tortosa-Tarragona, onde seguirá exercendo de mestre. Estaba casado e tiña un fillo.
Foi substituído por José Peón Martínez, casado coa mestra de Ourolo-Taragoña, Araceli García Anca. Exerce ata comezos dos 50. Eduardo Sánchez Otero será o seu substituto.

Antonio Cerdá Alemany, durante a depuración franquista
Natural de Sella-Alicante, partido xudicial de Villajoyosa. Afíliase á Falanxe en Tortosa, en maio de 1938, cando levaba sen cobrar tres meses, “y sin auxilio de nuestras familias”.
Na depuración de mestres, levada a cabo durante a contenda civil, foi imputado polo delito de auxilio á rebelión militar no pobo de Santa Bárbara, territorio da provincia de Tarragona. Na súa defensa presentou varios informes, un deles do crego de Rianxo Don José Benito Fariña, quen fixo constar que, durante a súa estancia na localidade, “ha observado siempre excelente conducta moral, social y política, siendo además fiel cumplidor de sus deberes religiosos: en junio de 1934 celebró con gran solemnidad la primera comunión de su hijo Antonio (...) gozaba aquí de la general estimación y aprecio”. Sen embargo, o alcalde e o comandante da Garda Civil de Tortosa afirmaron que pertencera a Izquierda Republicana, mostrando simpatía polo partido Socialista Unificado de Cataluña. Incluso varios dos seus compañeiros mestres aludiron a que “era muy rojo” e fora “promotor y alma del movimiento revolucionario. Antes del Movimiento lanzaba los niños a la calle con pancartas revolucionarias”.

En 1940 foi suspendido de emprego e soldo durante ano e medio e inhabilitado para cargos directivos na Ensinanza