miércoles, 14 de abril de 2010

LIBRO SOBRE AS CONSECUENCIAS DA GUERRA CIVIL EN RIANXO



Desde hai relativamente pouco tempo, a lista de libros relacionados coa historia do pobo de Rianxo está a verse ampliada de forma constante. Dentro de pouco contará cun novo título: Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil, 1936-1939, que sairá da imprenta da Deputación Provincial de A Coruña.
Os autores, Santos e Comoxo, afirman que as consecuencias que a Guerra Civil trouxo para os pobos de Galicia son semellantes, pero cada municipio sufriu ese período dunha maneira particular. No caso de Rianxo, eran escasos, a excepción de Taragoña, os grupos de traballadores enrolados en sindicatos obreiros, de aí que non se agravara excesivamente a convivencia naquela primeira semana da contenda bélica.
Con todo, e segundo os investigadores, a xuventude desta interesante vila mariñeira, nese intre tan ligada ao galeguismo (en número de afiliados, 266, superaba a capitais coma Santiago, Vigo, Coruña e incluso Pontevedra) e tan entusiasta politicamente, viuse sorprendida polo fanatismo e odio que na súa contra comezou a imperar na vila, tras o levantamento dunha parte do exército establecido en África (en pleno mes de xullo de 1936). A maioría dos “artistas” (como eran coñecidos os mozos galeguistas) e outros, especialmente aqueles que traballaran nas minas de San Finx, Lousame, fuxiron aos montes ou a onde puideron. Pero serían perseguidos con saña por algúns membros da Falanxe, tanto local como foránea, axudados por certos compoñentes da Benemérita, de triste memoria para os rianxeiros. Non tardarán en caer paseados nas cunetas; os que tiveron máis sorte, sufriron outro tipo de consecuencias (cárcere, malleiras, insultos, multas…).
Neste libro, descríbese este tema e outros non menos importantes para a vida dun bo número de familias, castigadas por infinidade de impostos e calamidades, consecuencia da triste situación bélica.
A parte da veciñanza, este traballo de investigación, que abarca un período nefasto para case todos, traeralle ingratos recordos, e quizais levante certa polémica. Non obstante, sería imperdoable descoñecer e esquecer o pasado histórico dun pobo, neste caso de Rianxo, como así o entenden os autores.
Santos e Comoxo, dous vellos compañeiros, finalizan así ese seu compromiso de historiar o pasado da súa vila, neste caso os anos da Guerra Civil, no que levaban inmersos máis de dúas décadas.