jueves, 9 de septiembre de 2010
RIANXO NA SÚA HISTORIA: consecuencias da Guerra Civil (1936-1939) LIBRO EDITADO POLA DEPUTACION DE A CORUÑA
Por Javier Romero
(La Voz de Galicia, Barbanza, 15/8/2010)
Poderíase dicir que aqueles que non estudan a súa historia están condenados a perdela. Tamén que iso é o que pensaron os historiadores locais Xosé Comoxo e Xesús Santos ao empezar a documentar fai máis de 20 anos o título Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil, 1936-1939. Un encabezamento que segundo recoñecen «recolle testemuñas veraces de persoas que viviron os feitos en primeira persoa e que os lembraban aínda con nitidez».
Rehabilitan o Rianxo da segunda República e aos seus veciños Castelao, Manuel Antonio ou Dieste. A súa realidade trasládana a Boiro, Noia, A Pobra, Padrón e Vilagarcía. Revelan que fóra de Taragoña os grupos de traballadores enrolados en sindicatos obreiros eran escasos, de aí que non se agravara excesivamente a convivencia naquela primeira semana da contenda bélica. Cifran en 226 os afiliados ao galeguismo, número que superaba a capitais coma Santiago, Vigo, A Coruña e incluso Pontevedra. Ademais, fan unha referencia especial a aqueles que traballaron nas minas de San Finx, en Lousame, e que fuxiron aos montes.
Vinculados ao poder
A relación do bando nacional coa vila mariñeira tamén foi intensa; a sede propagandística cun equipo de prensa instalado por Millán Astray no chalé do Doutor Baltar exercía unha forte presión sobe a comarca.
Rianxo na súa historia relata episodios cargados de relevancia. Trátase dun ensaio real e neutral que achega á xente de hoxe e mañá un legado formado por xeracións de datos. Un título que cincela as miserias e precariedades que xerou o conflito bélico, que para moitos veciños aínda ocasiona ingratos recordos e levanta certa polémica. Situación que os autores esperan non se produza ao ser a súa única intención relatar uns feitos, tal e como ocorreron e que xa non se poden remediar.
Santos e Comoxo finalizan así este compromiso de narrar o pasado da súa vila, neste caso os anos da Guerra Civil, no que levaban inmersos dúas décadas e da que din que «quizais non conte para os historiadores oficiais, non obstante o obxectivo final ficará inalterado».
(Á VENDA NAS LIBRERÍAS -SE NON HOUBERA EXISTENCIAS, DEBEN SOLICITALO A: DISTRIBUIDORA EDITORIAL GALAXIA, Vigo-)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario