martes, 26 de octubre de 2010

Xunto con Xosé Comoxo, Santos ven de publicar un interesante traballo de investigación sobre o ocorrido na vila rianxeira no período 1936-1939


M.J.Blanco (La Voz de Galicia, Barbanza, 26-10-2010)


O vínculo entre Xesús Santos (Rianxo, 1936) e a Guerra Civil ven de lonxe. De feito, el defínese como un fillo daquel conflito bélico: «Non tiña gañas de nacer, non quería asomar a cabeza porque oía tiros». Despois, ao longo da infancia, os comentarios que escoitaba na casa e na aldea foron incrementando a súa curiosidade por unha loita que co tempo se convertería no eixo central do seu último libro, Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939) , escrito xunto con Xosé Comoxo.
-¿Como xurdiu a idea de escribir esta obra?
-A idea é antiga. A miña curiosidade polo tema comezou na infancia, cando oía falar de como os falanxistas rexistraran a nosa casa na procura de armas ou de como meu pai, que era do Partido Galeguista, fora castigado con traballos na estrada. Ademais, a xente falaba de asasinatos. Facíao coa boca pequena, pero provocaba que o meu interese fora en aumento. Logo atopei a Comoxo, que se interesou moito polo tema.
-Os dous publicaran con anterioridade outras obras sobre a historia de Rianxo pero, ¿como foi o proceso de elaboración desta?
-Eu xa empezara a buscar datos nos anos oitenta. Tiña entrevistas, notas e apuntes desorganizados. Cando Comoxo se incorporou ao traballo analizamos toda a documentación e decatámonos de que había testemuñas de primeira man, xente que de feito xa está morta.
-¿Cales son para vostede as testemuñas máis importantes?
-Unha das que máis impresión me causou foi a relacionada coa morte de Francisco López "Fontevella", de Taragoña, coñecido como Fontevella . Un dos seus fillos, xa falecido, contoume con todo detalle a historia da súa vida. Tamén hai declaracións dunha moza que traballaba na casa da nai de Andrés Dourado "Quinote", que lembra como lle romperon os brazos e as pernas. Hai historias moi dramáticas, de persoas que vivían agochadas, pero tamén outras de falanxistas que axudaban a escapar aos roxos e de gardas civís que avisaban das roldas.
-¿Cal foi a súa pretensión á hora de escribir este libro?
-Pretensións hai moitas, pero a básica é contar o ocorrido da forma máis neutral posible. Non queremos xulgar a ninguén, só clarificar a historia, sen rancor, sen colocar a ninguén na picota. O noso principal obxectivo foi o de facer unha exposición clara e ecuánime do que pasou na Guerra Civil en Rianxo.
-¿Cal foi o principal obstáculo co que se atoparon á hora de darlle forma a esta publicación?
-Sen dúbida, a de contrastar a información. Hai moitos disques sobre o ocorrido naquela época, pero como ninguén estaba alí é complicado chegar á verdade. Verificar os datos foi un traballo duro. Hai que ter en conta que ningún dos crimes cometidos foi denunciado e incluso nos atopamos con que, nas parroquias, algúns dos falecidos foron enterrados como descoñecidos. Algo similar ocorría nas autopsias, segundo as cales, todos morreran por hemorraxias internas ou paros cardíacos. Conseguir a información levounos moito tempo.
-E agora, ¿en que está a traballar?
-Pois ben, Comoxo e eu pretendemos concluír a triloxía sobre a historia de Rianxo. Hai un par de anos presentamos a primeira parte, sobre a República, agora vimos de sacar á luz a obra sobre a Guerra Civil e fáltanos un libro que trate a etapa franquista, no que xa estamos a traballar. O obxectivo é dar a coñecer o ocorrido na vila desde o 1940 ata as portas da etapa democrática.

No hay comentarios:

Publicar un comentario