domingo, 28 de septiembre de 2014

RIANXO: NOTAS SOBRE A FÁBRICA DE SALGADURA DO CASTILLO PROPIEDADE DOS GODAY


Xosé Comoxo/Xesús Santos

            Corrían os anos 50 do século XIX, cando se asentaba en Vilanova de Arousa Juan Goday y Gualprocedente de Canet de Mar-Barcelona, onde nacera en xaneiro de 1838. Viña para xunto dos pais, Juan Goday Llauger e María de la Concepción y Gual, xerente da casa titulada Manuel Goday y Compañía, dedicada á salgadura de sardiñas, con tres fábricas na ría de Arousa, desde finais do século XVIII, fundadas por Manuel Goday Roura.
         Disolvida esa industria en 1862, o mozo Juan Goday y Gual estableceuse por conta propia á fronte dunha fábrica na Illa de Arousa. Posteriormente ampliaba a industria con outras tres fábricas nos puntos de Montalvo (Sanxenxo), Meloxo (Grove) e Rianxo.
Por circunstancias desfavorables, limitou os seus traballos a só dúas fábricas, cuxos edificios eran da súa propiedade: Rianxo e Illa de Arousa. Goday foi un dos primeiros en instalar unha fábrica de vapor para fritir sardiñas. En 1879, trouxo técnicos franceses para poñer en marcha na Illa de Arousa unha industria de conservas de sardiñas e aceite en lata, ao estilo Nantes; fábrica que visitou o rei en 1881 (concedéndolle a honra de nomealo “proveedor de la Real Casa y el uso del escudo de armas reales en las muestras, facturas y etiquetas”).
Juan Goday y Gual, que exerceu como deputado provincial dende 1871 ao 1876, casou cunha prima-irmá chamada Teresa Goday y Gual, para o que necesitou dunha dispensa papal. Morre en xuño de 1900, quedando a súa dona e o seu fillo Juan Goday Goday, a cargo das industrias. 
Juan Goday Goday, casado con Matilde Buhigas Abad, de familia de conserveiros (con problemas nos comezos de xullo de 1936, ao agachar na súa casa a seu sobriño Daniel Buhígas, xefe rexional da Falanxe), falecía en xullo de 1928.

A fábrica de Rianxo
Descoñecemos a data de comezo da fábrica de Rianxo, situada no punto coñecido como “Castillo”, a pouca distancia da vila. En 1879, estaba en funcionamento. En 1883, instalouse nela a maquinaria para fabricar conservas de sardiña. En 1900, concedéronlle a Medalla de Ouro na Exposición Universal de París, polas sardiñas en aceite procedentes da fábrica rianxeira.
Nese ano (1900), a produción anual andaba entre 700.000 e un millón de latas. Incluso exportaba sardiñas salgadas e prensadas a Francia e Italia, en cantidade de 500 a 750.000 quilos, envasadas en barrís de diferentes tamaños que contiñan de 200 a 3500 sardiñas. O número de operarios na preparación era de 30 homes e unhas 80 mulleres. Madrid era un punto de venda importante, especialmente na tenda de ultramarinos La Francis, establecida na rúa do León, 23. ”Las marcas de esta fábrica que más aceptación tienen son las bautizadas Bebés, Columpio, Non plus ultra, que no tienen espinas, y Sardines bretonnes. La especialidad, sin embargo, es la marca titulada Perla del Harén, que son sardinas con trufas de un sabor exquisito”.
A fábrica de Rianxo cerrou en 1917, o que representou un duro golpe para a economía local. Juan Goday Goday, en 1919, puxo á venda tanto o edificio (con casa de 7 habitacións) como a finca (de 15 ferrados). Tamén en xuño de 1923. Foi adquirido en abril de 1924 polo doutor Ángel Baltar, polo prezo de 25000 pesetas, para dedicar, unha parte, a central eléctrica para alumear o pobo (despois dun acordo coa Sociedad General Gallega de Energía Eléctrica) e a muíño de graos.
A propiedade foi vendida de novo en 1935, á sociedade Pesquera del Norte de España, reservándose a familia Baltar durante cinco anos o uso da parte do edificio onde estaban os motores e o muíño. Durante a guerra civil o edificio foi confiscado para campo de concentración.  

1 comentario:

  1. D. Juan Goday Gual vino con sus tios Juan y Mª de la Concepcion.
    Cuando falleció fue su hijo Manuel.
    En 1.900 la medalla de oro de Paris fue la fabrica de la Isla de Arosa.
    Las fabricas de Xanxenxo y O Grove ya estaban.

    ResponderEliminar