jueves, 24 de septiembre de 2009

Algaradas (I)


Algaradas en Rianxo durante a
Segunda República (I)
Por Xosé Comoxo

En abril de 1931, despois de que Sixto de Aguirre se presentara no Concello de Rianxo como Delegado do Gobernador Civil para tratar de resolver un “expediente electoral” motivado polas queixas e reclamacións formuladas perante o Gobernador, houbo un período de transición, durante o que se prepararon as eleccións consistoriais, a celebrar o 31 de maio. É o momento no que se crean na vila os centros Republicano Radical Socialista e o Republicano Federal.

Nas eleccións, segundo datos publicados en La Voz de Galicia, o resultado provisional, a falta de datos dun distrito, foi o seguinte: 6 concelleiros federais e 8 da F.R.G. O resultado final, unha vez rematado o escrutinio no distrito pendente (Taragoña), os radicais socialistas, do médico taragoñés Miguel Rodríguez Segade, duplicaron en concelleiros aos federais, non valéndolles de nada a maioría absoluta que acadaran na vila (primeiro distrito).

Os federais non dixeriron ben o resultado. A partir do 8 de xuño, comezarán certos desordes públicos en Rianxo. Algúns compoñentes do bando perdedor idearon apoderarse das chaves do Consistorio para evitar a toma de posesión dos elixidos. A Garda Civil de Padrón viuse obrigada a concentrar tropas na vila durante quince días, “para evitar ataques a la gente y a la propiedad”.

O 23 de xuño constitúese o novo concello, saíndo nomeado alcalde Miguel Rodríguez Segade, quen non atopará apoio algún nos seus labores diarios dentro do Consistorio por parte da oposición federal, incluso con denuncias diante do Gobernador por motivos diversos.

Ao día seguinte da toma de posesión, “se organizaron manifestaciones dando gritos contra las autoridades y determinadas personas”, que non terían importancia de non facer acto de presenza a Garda Civil. Era a noite de San Xoán cando a mocidade tiña costume de saír a cantar, como así fixeron. A versión oficial fala de que daban “gritos alusivos a las Autoridades”, xa que se deixaran arrastrar por suicidas consellos, segundo Faro de Vigo. O tenente da Garda Civil invitounos de malos modos a disolverse, sen éxito; incluso foi obxecto de burlas, reaccionando con prepotencia: “¡todo el mundo fuera de aquí...!”. O xentío escapou, meténdose onde podían, algúns na casa-taberna de Carme Pérez. A luz do pobo foi apagada o que permitiu o lanzamento de gran cantidade de pedras contra as forzas da Benemérita, ao tempo que soaban un sen fin de blasfemias: “Empezaron insultando a la Guardia Civil de palabra llamándoles cobardes, hijos de puta, me cago en vuestras madres y a continuación quedó todo en silencio empezando una lluvian de piedras saliendo alguna de ellas de una ventana de casa de Carmen Pérez que se veía la abrían de momento en momento y otras salían de la calle de la Fuente de donde también salían los insultos a la Guardia Civil”.

Os máis revoltosos non foron recoñecidos, pero tampouco era tarefa difícil intuír os nomes. Comezou o proceso ao que seguiu a entrada de varios mozos no cárcere de Padrón. Saen en liberdade provisional días despois, xa que o Auditor de Guerra non atopou cargos suficientes para telos legalmente no cárcere.

Neses días, o correspondente de Faro de Vigo en Rianxo, escribe o seguinte: “Ojalá que los improcedentes sucesos ocurridos en esta villa con motivo de las últimas elecciones y nacidos de una libertad utópica, mal entendida y peor enseñada por quienes tienen obligación de saber que al hacerlo así han traicionado sus propias conciencias, no traiga más dolorosas consecuencias y sirvan solamente de provechosa enseñanza, en lo sucesivo, a quienes ignorantemente se dejaron arrastrar por suicidas consejos”.

Haberá novos interrogatorios e o 29 de xullo son citados, entre outros, os irmáns “Insua”. Un deles, José Losada Castelao, dirá na súa defensa o seguinte: “Que estando en la Alameda se enteró de lo ocurrido por lo que se marchó a casa de Carmen Pérez donde encontró una gran cantidad de gente en su mayoría mujeres que hacían comentarios del mal proceder de la Guardia Civil. Que pernoctó en casa de la citada Carmen hasta el día veinticinco en compañía de su hermano Manuel. Que oyó caer piedras y al observar de donde salían vio que de una ventana que tiene en la bohardilla José Lesende partían algunas de estas pero que no todas salían de allí. Que cree promotores del motín a la G.C. por haber disuelto a culatazos a los grupos que cantaban”.

O proceso continúa ata o mes de setembro, sendo suspendida a causa ao entender o Auditor de Guerra que os feitos podían ser encadrados nun “específico género de delincuencia colectiva, de difícil investigación para hallar las personas verdaderamente responsables”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario