viernes, 17 de diciembre de 2010

ANTONIO VALLADARES DE SOTOMAYOR: un poeta, xornalista e autor dramático rianxeiro do século XVIII

Xosé Comoxo

De cando en vez, os que andamos a remexer nos vellos papeis, atopámonos inesperadamente con algúns textos que nos enchen de alegría. Soen ser notas que nos amplían o coñecemento respecto de algo no que estamos interesados, referido sempre a Rianxo e aos rianxeiros.
Iso mesmo tamén acontece en Internet. A sorpresa foi grande ao descubrir que Rianxo contaba cun novo fillo ilustre no campo das letras. Trátase de Antonio Valladares de Sotomayor, nacido o 30 de xullo de 1737, posiblemente fillo do escribán Diego José Valladares. Aos 23 anos desprázase a Madrid, onde morre en 1820.
Foi poeta, xornalista e autor dramático do século XVIII.
Grazas ao investigador Jerónimo Herrera Navarro sóubose das orixes rianxeiras do poeta. Tamén el estudou a súa biografía despois dunha longa e exhaustiva investigación (Cuadernos para investigación de la literatura hispánica).
Membro da Sociedade Económica de Amigos do País de Osuna desde 1785. Como xornalista editou os 34 volumes do Semanario Erudito que comprende varias obras inéditas, críticas, morais, instrutivas, políticas, históricas, satíricas e xocosas dos mellores autores antigos e modernos (1787-1791), que foi continuado en 1816 no Nuevo Semanario Erudito. Comezou a escribir teatro para ganarse a vida en colaboración con José Ibáñez e José López de Sedano a finais da década dos setenta, e acada os seus primeiros éxitos no teatro nos oitenta, ata alcanzar máis dun cento de pezas dramáticas, incluídas traducións e refundicións. Asinou as súas obras con todo tipo de pseudónimos e anagramas. Entre 1797 e 1807 imprimiu os nove tomos dunha novela que alcanzou grande éxito, La Leandra. Neste xénero tamén se lle deben unhas Tertulias de invierno en Chinchón (1815-20). En 1804 consegue imprimir o Almacén de frutos literarios inéditos, prohibido por Godoy nada más saír. Foi un dos grandes escritores ilustrados.
As súas obras dramáticas que tiveron unha grande aceptación popular, pese aos dicterios que contra elas lanzaron os menos exitosos e elitistas dramaturgos e comediógrafos neoclásicos, en particular Juan Pablo Forner e Leandro Fernández de Moratín, que vían nel ao máis representativo autor da chamada escola de Luciano Francisco Comella. Os primeiros románticos tiveron sen embargo del unha idea moi diferente e, por exemplo, Ramón Mesonero Romanos chamouno “hombre de bastante erudición y buen gusto”. En efecto, difundiu a ideoloxía da Ilustración e a estética neoclásica entre o pobo. Outras obras súas son: Vida interior de Felipe II, 1788; Historia de la isla de Puerto Rico, 1788; os catro tomos de Tertulias de invierno en Chinchón (1815-20) e La verdad como es en sí, o razones que convencen de la falsa y equívoca expresión que asienta que “peca mortalmente el que hace comedias o concurre a ellas”, (impreso en Madrid e reimpreso en Orihuela en 1815), folleto que foi denunciado á Inquisición e procesado, pero non prohibido.
Entre los xéneros que cultivou no seu teatro está a comedia heroica (Defensa de La Coruña por la heroica María Pita, 1784); a comedia de maxia con El mágico del Mogol (representada en 1782); a comedia sentimental, chamada polos franceses “comedie larmoyante”, con pezas como La Cándida (estreada en 1781). Obtivo no pouco éxito como sainetista con pezas como El español afrancesado, de 1777; Los caldereros, de 1780; Boda a la moda (1782); Cómicos de repente (1782) e El tonto alcalde discreto, (1820), entre outros numerosos títulos.
Traduciu obras de Gresset, Mercier Fenouillot de Falbaire e, sobre todo, Goldoni. Versionou tamén El delincuente honrado de Gaspar Melchor de Jovellanos.

2 comentarios:

  1. Importantísimo Comoxo. ¿ Seria posible que viñera da familia Chariño-Sotomayor? e polo tanto familiar de Paio Gómez Chariño, aínda que moi alonxados no tempo?. ¿Chegou o investigador Gerónimo Herrera Navarro a situar o seu lugar de nacemento con tanta exactitude como para saber de que parroquia de Rianxo procedía? Sería de gran importancia dar a coñecer o nome deste home a través da súa obra, para que os Rianxeiros souberamos que temos un fillo máis deste pobo a quen admirar e louvar e tamén que nos sirva de espello.
    nuco.

    ResponderEliminar
  2. Despois dunha longa e exhaustiva investigación levada a cabo por Jerónimo Herrera Navarro "ha conseguido descubrir el lugar y fecha de nacimiento del autor dramático, novelista y periodista del siglo XVIII don Antonio Valladares de Sotomayor, así como otros datos correspondientes a su familia. Valladares nació en la villa de Rianxo (Galicia) el 30 de julio de 1737. Se transcribe la partida de bautismo y se reseñan otros documentos relacionados con su familia. Por último, se hace una valoración de los nuevos datos conocidos".
    Amigo Nuco, segundo estos datos naceu na vila, en Rianxo, o que non sei, ao menos de momento é o nome dos pais. Cando levamos a cabo a nosa investigación sobre a fidalguía en Rianxo, anotamos a dous personaxes: Diego José Valladares, casado con Ángela Domínguez, en outubro de 1724; e a Bernardo Valladares, casado con Gerónima Gago de Briones, que comezan a ter descendencia a partir de 1724. Non sei se algún deles ten parentesco co escritor Antonio Valladares.
    Os libros de bautizados de Rianxo sacaríanos do apuro, pero están no arquivo Diocesano de Santiago.

    ResponderEliminar