domingo, 12 de diciembre de 2010

EDUARDO DIESTE GONZÁLEZ

X.Comoxo

Nace o 14 de novembro de 1881 en Rocha-Uruguai, fillo de Eladio Dieste e Olegaria González. En 1888 a familia trasládase a Pontevedra, onde residen durante seis anos, ata que marchan a Rianxo (Coruña) en 1894. Entre 1893 e 1901, cursa estudos no Seminario Conciliar de Santiago. En 1904 abandona o seminario para ingresar na facultade de Filosofía e Letras.
En 1910, o Concello de Rianxo, facendo caso omiso da súa nacionalidade, coa explicación que veremos, en sesión celebrada o 11 de agosto, acorda declaralo "soldado" e incluílo no recrutamento dese ano.
Eduardo entendeu que o seu alistamento fora debido a "enemistades políticas con su familia". Eran momentos de loitas políticas moi duras entre o bando conservador, ao cal pertencía a familia Dieste, e os liberais que dominaban o Consistorio rianxeiro. O propio Eduardo fundou, xunto con Castelao, Arcos, Rañó e Rey Baltar o periódico El Barbero Municipal (1910-1914), do que era director literario, para defender os intereses conservadores locais, oposto ao cacique liberal Manuel Viturro Posse.
Nesas datas, segundo o Concello, Eduardo adquire a nacionalidade española por residir en Rianxo cos seus pais "pasa de 15 años, haciéndose inscribir en el Padrón de vecindad de los años 1895, 1899 y 1905 (...); acreditándo hallarse inscrito en las listas electorales desde el año 1909 (...); haber disfrutado desde el 2º semestre de 1905 al 1º de 1908 la pensión de 1500 pesetas a razón de 250 cada semestre, concedida por la Excma. Diputación Provincial para cursar sus estudios en la Escuela de Veterinaria de Santiago, gracia que solo se otorga a los vecinos de la provincia e hijos de vecinos y domiciliados como españoles").
En 1911 regresa a Uruguai e será animador do grupo poético Asociación Teseo (un movemento intelectual que nace no café Tupí Nambá).
En 1927, comeza a súa carreira diplomática, como cónsul do Uruguai en Londres. En 1931 é destinado a España desempeñando o mesmo cargo en Bilbao, Cádiz e Madrid (nesa capital funda a revista P.A.N., e publica a súa obra Buscón Poeta y su Teatro, e posteriormente Teseo).
A comezos da guerra civil dimite do seu cargo de diplomático, tras a ruptura, por decisión do goberno uruguaio, das relacións diplomáticas entre Uruguai e España. Retorna á súa actividade consular en San Francisco (1943-1952), e posteriormente en Nova York (1952-1953) e Chile (1953-1954).
Eduardo morre en Chile, o 2 de setembro de 1954.

Publicara: “Leyendas de la música” (Madrid, 1911), “Buscón poeta y su teatro” (Madrid, 1933), “Buscón poeta. Recorrido espiritual y novelesco del mundo” (Emecé editores, 1942) e “Teatro del Buscón” (Bos Aires, 1947). Outras obras súas son: “Teseo: discusión estética y ejemplo” (Montevideo, 1923), “Teseo: crítica de arte” (1925), “Teseo: crítica literaria” (Montevideo, 1930), etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario