viernes, 25 de septiembre de 2009

DON JOSÉ ARCOS MOLDES


IMPULSOR DAS SOCIEDADES CULTURAIS, AGRARIAS E MARIÑEIRAS DE RIANXO

Cando se estude en profundidade o asociacionismo, necesariamente haberá que facer referencia a un home que fixo canto foi posible, ao longo da súa vida, por implantar centros asociativos, tanto culturais como de resistencia obreira, coa fin de mitigar, dalgunha maneira, a incultura existente e buscarlle solucións á fame imperante. Trátase de Don José Arcos Moldes. Non faremos alusión a todos os centros nos que interveu, pero si aos de máis importancia. A primeira sociedade que fundou leva o nome de “Bretón” (1894), e estaba destinada a promover a instrución e a cultura dos asociados, coa fin de preparalos “para las luchas honradas de la vida”. Arcos figura como presidente da “Asociación de marineros y productores en general de la villa de Rianjo” en 1901-1902, instituída para fomentar a “exportación a los mercados del interior del pescado en fresco”, e para tratar, por parte dos asociados, de fundar unha fábrica de salgadeira como primeiro paso no camiño industrial a seguir. En 1913 crea e preside, xunto con Castelao, Cándido González, Rañó Alcalde, Rafael Iglesias, Jesús Lojo, e 27 persoas máis, a sociedade “Pro-Cultura” coa finalidade fundamental de instruír aos socios, fomentar as belas artes (especialmente a música: pensaban crear un grupo orfeón, un orquestral e un de declamación) e estreitar vínculos de fraternidade cos “fillos de Rianjo” emigrados na República Argentina:

“Los socios más instruídos se obligan a enseñar gratuítamente la lectura y escritura de nuestro idioma, las operaciones elementales de la Aritmética, el sistema métrico-decimal de medidas, pesas y monedas, nociones de Geografía, Historia, Economía, Agricultura, Higiene, etc. a aquellas que carezcan de los mencionados conocimientos, hasta conseguir que ningún asociado deje de poseerlos, siquiera en el grado elemental al transcurrir un año desde su ingreso en la sociedad”

A finais de 1915 nace “Unión Pinera Marítima” (da que Arcos será presidente honorario), para mellorar aos asociados (“patrones examinados de tráfico, vecinos de los ayuntamientos de Boiro y Rianjo”) economicamente e humanizar o seu traballo. A U.P.M. é sucesora das sociedades “Arosana de Tráfico Marítimo” e “La Marina”, que foran as iniciadoras do tráfico marítimo de mercancías na ría de Arousa. Estaba integrada por 82 embarcacións, tripuladas por cerca de 500 homes, dedicadas ao carrexo de madeira desde varios puntos da ría ata o porto de Vilagarcía, desde onde se exportarían a diversos lugares. En 1916, debido á folga obreira acaecida en toda a ría de Arousa, esta sociedade acadará un destacado protagonismo, especialmente no porto de Vilagarcía, na que actuou moi enerxicamente. Unha vez disolvida a sociedade, en abril de 1916, nace coa mesma misión “Nueva Pinera Marítima”, que organizará por primeira vez en Rianxo, en 1917, a Festa do Traballo, con bombas e música polas rúas que, a dicir das crónicas dos xornais, fixeron o día moi agradable (non faltou a redacción dun manifesto dirixido ao alcalde no que “los obreros pedían el abaratamiento de las subsistencias y la iniciativa de obras públicas”). Dous anos despois, o “jefe político Don Manuel Viturro” ofrécelle á sociedade “vender el maíz a un precio algo más bajo del corriente y tratando de que no vaya a parar a manos de acaparadores como sucedió en años anteriores”. En 1920 a exportación de madeira sofre un parón alarmante debido á prohibición desa actividade, o que provoca conflitos moi graves en Vilagarcía, onde se declarou folga xeral. Durante os disturbios, Marcelino Herbón, presidente da sociedade, foi ferido nun brazo dunha sabrada.

Como resultado da celebración da Festa do Traballo en 1917, formouse a sociedade obreira de oficios varios “Unión Obrera del distrito de Rianjo” (Arcos foi presidente honorario), co ánimo de mellorar as condicións de traballo dos asociados e a súa instrución, e establecer o socorro mutuo entre eles. Esta sociedade desenrolou un labor interesante no referente ás subsistencias, denunciando ante as autoridades locais a saída do peixe e do leite da vila, sen que o pobo estivese abastecido; incluso organizou festivais como medio de “aliviar algo la triste situación de varios pobres”. Será disolvida, en virtude de dilixencias da alcaldía, o 25 de maio de 1923.

Non quixeramos esquecernos da sociedade de socorros mutuos “La Unión Rianjesa”, creada en 1905 por Varela Abades, e coa que Arcos non tivo nada que ver. As diferenzas políticas entre conservadores e liberais non tardarán en nacer, e os dous eran contrarios.

O labor que comezara Arcos Moldes verase continuado durante os anos posteriores, coa creación de novas asociacións nas que xa non influirá directamente. Agora son outros os que se encargan desa cuestión, converténdose el en asesor na maioría dos casos.

Na parroquia de Santa María de Leiro fúndase en outubro de 1915 a sociedade de instrución e recreo “Recreo Leirense”, baixo a presidencia de Severiano Ferreirós Cerqueiras, con sede social no lugar de Rañó, 54. Con motivo da inauguración da asociación, celebraron un baile o día 31, durante o que se produzo a primeira sorpresa desagradable. Unha parella da Garda Civil prohibiu o acontecemento, a pesares de que este tipo de actos estaban reflectidos no regulamento aprobado o 18 de outubro polo Gobernador. As queixas por parte dos socios dirixidas á máxima autoridade gobernativa non se fixeron esperar:

“Es verdaderamente lamentable que algunos mal avenidos con la prosperidad y cultura de la localidad en que viven traten de oponerse a las lícitas y decorosas expansiones de la juventud y en cambio no muestren la menor repugnancia a que sus hijos concurran a las romerías, semilleros, por lo general, de pendencias y escándalos”

Unha vez disolvida a sociedade, nacerá “El Nuevo Recreo” en 1924, agora coa sede social na casa do seu organizador, Pedro Rodríguez, no lugar de Rial. Os fins que perseguían eran os seguintes: celebrar conferencias sobre agricultura, aforro e antialcohólismo, así como fomentar a riqueza forestal, principalmente.

En 1919 xermina a idea do Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria, Don Juan Rof Codina, de fundar o Sindicato Agrícola de Asados, que será presidido por Francisco Rodríguez. No mesmo ano establecíase a sociedade “Acción”, da que era presidente Cándido González (no mes de agosto o cargo pasará ao farmacéutico Eugenio Bermúdez), para fomentar a creación de sindicatos obreiros de pesca e agrícolas, propagar o uso do idioma rexional e cooperar no beneficio do municipio. Durante o seu primeiro ano de traballo, “Acción” levou a cabo unha campaña importante a favor do abaratamento das subsistencias na vila. Os asociados recoñecerán de forma escrita o labor desenrolado polo prestixioso médico Don Angel Baltar, no seu coidado de varios enfermos rianxeiros durante a epidemia gripal de 1918. Na súa contestación ao agradecemento, deixará claro que “nada en rigor he hecho que no sea el cumplimiento de un elemental deber en el ejercicio de mi profesión, que debe tomarse como verdadero sacerdocio”. A asociación será disolvida, ao igual que a “Unión Obrera”, por orde da alcaldía en xuño de 1923.

Tamén nace en xuño de 1919 o “Pósito de Pescadores de Rianjo”, presidido por Luís Rodríguez Losada, coa fin de procurar “bien estar e instrucción del pescador”. O local social estaba na rúa Ancha n. 7 (en novembro pasan ao domicilio “que da frente a la Rivera, correspondiente a la casa señalada con el número 1 de la calle de Abajo de esta villa”). O regulamento, escrito a man, ten data do 25 de xuño e del entresacamos que a sociedade estaba dividida en cinco seccións: socorros mutuos, caixa de préstamos, venta de produtos da pesca, cooperativa e montepío.

Art.1) Esta sociedad persigue el aumento del bienestar e ilustración del pescador, con exclusión de cualquier otra finalidad.
Art.2) Organizar convenientemente la venta de los productos de la pesca; procurar a los pescadores asociados, con muy módico interés, las cantidades que precisen para la conservación y entretenimiento de sus embarcaciones y artes; facilitar la compra de todos los efectos que para ello haya menester en condiciones garantizadas de precio y calidad, y por último, procurarles socorros en su vejez e invalidez”

O 13 de xullo de 1919 reúnese no domicilio de “Acción” un número importante de mariñeiros, presididos polo Comandante de Mariña de Vilagarcía, co obxecto de “constituír la sociedad”. Unha vez lido o regulamento inscríbense como socias 150 persoas. Outros membros directivos, ademais do presidente Luís Rodríguez, eran Ramón Vicente, vicepresidente; Benito Fachado, secretario; Manuel Miguéns, vicesecretario; Vicente Sobradelo, tesoureiro; Fernando Alcalde, contador; vocais, Antonio Ramos, Manuel Figueira, Juan Collazo e Juan Domínguez. Así mesmo, existía unha xunta protectora que presidía o Comandante de Mariña. Como vocais da mesma vemos a Don José Arcos Moldes e Cándido C. González, pola sociedade “Acción” e por “Nueva Pinera Marítima”, a Serafín Rodríguez e Manuel Comojo.

En 1920 o Pósito logra a creación dunha escola de coñecementos xerais e de ensinanzas para a obtención do título de patrón de pesca. Segundo Arcos Moldes, este novo centro de cultura débeselle ao Comandante de Mariña de Vilagarcía e “al entusiasta Presidente de este Pósito, Luís Rodríguez Losada, eficazmente secundado, para la consecución de fin tan loable, por las Juntas de Gobierno y Protectora de la benemérita institución”. A escola era gratuíta, xa que estaba subvencionada pola Caixa de Crédito Marítimo.

En xullo de 1922 preséntase, para a súa aprobación, un novo regulamento de 40 páxinas diante do Gobernador Civil, esta vez impreso en Vilagarcía (Tipografía de Galicia Nueva) e datado o 3 de abril. Segue na presidencia Luís Rodríguez Losada. Asinan o documento Eusebio Lojo, Ramón Bravo, José R. Iglesias, Manuel Figueira, José Beltrán, Cesáreo Losada, Ramón Pedreira, José Lesende e Manuel Figueira.

Segundo o artigo 1º do capítulo primeiro o Pósito de pescadores de Rianxo: “es una asociación cooperativa de pescadores, que persigue la completa redención de dicha clase, extendiendo la cultura entre sus asociados; estableciendo en su favor los distintos seguros sociales y explotando, sin el auxilio de intermediarios, la industria pesquera”. É allea a toda idea política e relixiosa e non ten ánimo de lucro. Os obxectivos próximos eran “organizar convenientemente la venta de los productos de la pesca de sus asociados. Adquirir embarcaciones y artes, para la explotación por la asociación de la industria pesquera. Procurar a sus asociados, con muy módico interés, las cantidades que precisen para el ejercicio de la industria pesquera. Facilitarles la compra de todos los efectos y artículos necesarios para su vida profesional y privada en condiciones garantizadas de precio y calidad. Establecer entre ellos los distintos seguros sociales. Aumentar su cultura general y profesional y organizar convenientemente la exportación y manipulación de los productos de la pesca”.

Os beneficios que producira o funcionamento de calquera das seccións destinaranse ao sostemento e desenrolo do Pósito e a fins de previsión a favor dos asociados.

Non tardará en poñerse á fronte da presidencia Don Mariano Rodríguez Dios, xunto co secretario da entidade, Cesáreo Losada. Foi en maio de 1923. En abril de 1925, por acordo unánime da xunta xeral, o Pósito compra unha casa de planta baixa, chamada “Lagares” propiedade de Dona Hermógenes Constenla Seijo (viúva de Manuel Vieira Saavedra), situada na Ribeira, “de ignorada extensión superficial”, limitando coa rúa do Muelle, Ribeiramar e calexón da “Rabaleira”, por 3000 pesetas. Pronto comezará a construírse nese mesmo lugar unha nova sede social. Fíxose de planta baixa e, en 1927, reconstrúese coa fin de darlle un alto para instalar nel unha escola de nenos dependente da sociedade.

A finais de 1928 figura exercendo a presidencia Juan Ordóñez Ces, así como outra nova xunta directiva formada por Francisco Lorenzo Teijeiro como vicepresidente; tesoureiro sería Juan Piñeiro; vocais, José Ramon Iglesias, Manuel Figueira, Juan Vicente e Manuel Comojo; vicesecretario, Domingo Vicente Lesende. Como secretario aparece o mestre Don Antonio Cerdá Alemany.

Coincidindo coa apertura do curso escolar de 1928, as “forzas vivas” da vila acércanse ata o novo local do Pósito, precedidas de numeroso público e aos acordes da banda de música da localidade (dirixida por José Rodríguez “Pepito o Requinto”), coa fin de inaugurar este centro de ensinanza. O crego Fariña efectuou a bendición solemne do local e, a requirimento dos amigos, falarán o mestre Cerdá Alemany e o secretario do concello, Arturo Noguerol Buján, sendo ambos moi aplaudidos. Como resultado, o acto será catalogado como o máis “emocionante y culto de cuantos se han celebrado en este pueblo”.

Neste punto convén botarlle unha ollada a algúns artigos do regulamento especial da sección cultural da sociedade:

“Esta sección tiene por objeto, el aumento de cultura de los asociados, para lo que ejercerá sobre ellos una constante acción moral y educadora, organizando conferencias, lecturas, proyecciones, sesiones cinematográficas, conciertos, etc. y estableciendo clases de conocimientos generales y profesionales para los asociados y su hijos, y cursos prácticos de remiendos y confección de redes, cabullería y demás, para sus mujeres e hijas.
Tendrán además a su cargo, la biblioteca y la dirección y administración de los servicios de café, restaurant, diversiones, etc.
Durante todo el año se darán cursos de enseñanzas generales, destinadas a los hijos de ambos sexos, de los asociados.
Estas enseñanzas tendrán igual extensión que las procuradas en las escuelas nacionales.
Semestralmente y ante el Inspector se examinará a los alumnos, concediéndose premios a los más aventajados.
En las épocas en que las pesqueras dejan tiempo libre a los pescadores, se organizarán clases de enseñanzas a los pescadores, se organizarán clases de enseñanzas generales y profesionales para ellos, en las que se destinará por lo menos media hora diaria a la explicación de cuestiones profesionales, principalmente de las relativas a artes o sistemas de pesca, que signifiquen un progreso local en el ejercicio de dicha industria.
Se recomienda a los asociados de mayor edad, su asistencia a estas enseñanzas, no solo con el fin de coadyuvar con su práctica a la mayor eficacia de ellas, sino también para que sirviendo de ejemplo a todos los demás, concurran a la clase en el mayor número posible”

Nos comezos de setembro de 1930 visita o Pósito o fundador de “tan beneficiosas instituciones” Don Alfredo Saralegui. Reinaba no mariñeiro unha certa sospeita sobre o mal emprego dos fondos da sociedade desde facía algún tempo. Segundo o xornalista do Faro de Vigo: “Pronto se ha dado cuenta del ambiente de desconfianza y falta de interés colectivo que reina en sus reducidos socios a pesar del interés y entusiasmo de su actual Junta directiva”

“Después de pronunciar unas elocuentes palabras encaminadas a levantar el ánimo de los sufridos marineros, doblemente desconfiados ante la serie de inusitados desengaños sufridos desde el nacimiento del mal engendrado Pósito rianjés, prometió solemnemente, para satisfacción de todos, que en breve mandaría persona técnica que descifrara el discutido enigma del empleo de las pesetas desde que empezó la vida oficial de este Pósito”

Esas críticas do xornalista, non sentaron ben nas dependencias do Pósito. As diferenzas aumentaron cando en ton alarmista sacou na prensa as supostas folgas dos mariñeiros debidas ao prezo baixo do berberecho. Os membros do Pósito tiveron que dar a súa versión nos xornais, porque esas “fantasías” do correspondente, podían confundir ás Autoridades da Mariña. Desencamiñado parece que non ía o Faro de Vigo en canto ás anormalidades nos fondos da sociedade. A promesa de Saralegui cumpriuse, en maio de 1931, achégase a Rianxo en visita extraordinaria o inspector costeiro de Pósitos (e presidente da Confederación de Pósitos das rías) Don José Costa, para ver esas posibles anomalías contables, dado os supostos “despilfarros” nos que se viña incorrendo. O problema máis grave radicaba en que o Pósito funcionaba aparentemente con dúas xuntas directivas, dalgunha maneira enfrontadas: eran dous focos ou viveiros de rifas e malquerenzas, en evidente oposición aos verdadeiros fins deste tipo de establecementos. O inspector costeiro, parece que marchou decepcionado polo endiañado ambiente reinante.

Meses despois, en agosto de 1931, Don José Costa, xunto co comandante da Mariña de Vilagarcía, Boffil, de novo reúnense cos mariñeiros para suavizar asperezas e procurar a unión de todos.

Reunión en el Pósito Pescador
Bajo la presidencia del digno comandante de Marina, señor Boffil y con la asistencia del inspector de las Rías Bajas don José Costas, se ha celebrado una reunión en dicho Centro marinero. Tenía ésta por objeto suavizar asperezas y rencillas entre los marineros y procurar la unión y fraternal amistad que debe reinar entre hermanos de trabajo tan aventurado y rudo, pero parece ser que las dificultades para tan simpático fin se acrecentan, acaso alentados por ajenos a la labor marinera
(Faro de Vigo, 26-8-1931)

Esas diferenzas, como se ve pola noticia do Faro, acrecentáronse. Os grupos alleos ao mar, saíron coa súa. As rifas quedaron patentes durante a celebración da procesión marítima da Virxe de Guadalupe, en setembro, na que, inexplicablemente, houbo bastante abstención de barcos na procesión.

Á asemblea de Pósitos Marítimos de Galicia, celebrada en Santiago en agosto de 1932, na que se tomaron interesantes acordos para os asociados referidos a cultura, seguros sociais, venta directa do peixe, cooperativas de consumo, etcétera, non asistiu ningunha representación de Rianxo, si o fixo o Pósito de Taragoña. Os rianxeiros parece que estaban illados debido ás discrepancias.
Coa chegada da Guerra Civil interrómpese a actividade do Pósito, “con grave perjuicio de la clase marinera”.

A comezos de marzo de 1940, rematada a contenda bélica, figura como secretario da entidade o mestre de Orientación Marítima, José Peón Martínez. Nesas datas a xente do mar será convocada no local da sociedade coa fin de “reorganizar el Pósito por hallarse interrumpido en sus funciones”. Á xuntanza asiste como “vixiante” do acto, Alfonso González Tarrío, que exerce de Delegado local da Autoridade Gobernativa. Nese intre noméase aos compoñentes da xunta directiva, quedando configurada da seguinte maneira:

Presidente: José Mª Figueira Vicente.
Vicepresidente: Francisco Noya Neira.
Tesoureiro: Domingo Vicente Tarrío.
Contador: Baldomero Cebreiro Vicente.
Vocais: José Torres Rey e José Abuín Losada.
Secretario: José Peón.
Suplente: Elisardo Rodríguez Alcalde.

Segundo os informes de rigor, todos os elixidos, salvo dous, mantiñan unha irreprochable conduta no aspecto político, xa que son considerados “afectos al Glorioso Movimiento Nacional y no hay antecedentes de que pertenecieran a ningún partido ni sindicato de extrema izquierda”. Había dúas excepcións, segundo a Garda Civil, o tesoureiro Domingo Vicente Tarrío, “que fue gran entusiasta del Partido Galleguista, habiendo desempeñado el cargo de concejal durante una época de la República representando a este partido”, e o secretario suplente Elisardo Rodríguez Alcalde, “que si bien no fue concejal, también fue elemento activo del mencionado partido; por lo que agrega dicha clase no considera de confianza a estos dos individuos, para desempeñar el cargo para el que fueron propuestos”. A nota, escrita a man, que aparece a un lado do texto é contundente:

“Oficio al Alcalde para que notifique a la Sociedad que tiene que cesar Domingo Vicente Tarrio y Elisardo Rodríguez”

En novembro de 1941, cando o Pósito levaba sen funcionar desde marzo de 1940, “motivo por el cual quedaron sus funciones en suspenso”, un grupo de mariñeiros, “en vista de órdenes superiores”, e dada a necesidade que tiñan de reorganizarse, recorren ao Gobernador mediante carta asinada por Francisco Noya Figueira, para que lles aprobe o nomeamento duns novos directivos. Entre eles figura, Antonio Sobradelo Ordóñez, como tesoureiro, e Luis Noya Comojo, vicesecretario.

A comezos de 1920 fúndase en Taragoña a asociación “Sociedad Taragoñesa” co obxectivo de “proporcionar una activa vigilancia a todas las fincas en ella inscriptas, para la custodia de todos sus productos”. A tal efecto nomearán un garda-xurado “el cual queda obligado (...) a recorrer todos los días las fincas sometidas a la vigilancia, desde el amanecer hasta el anochecer, provisto de arma y autorización reglamentarias”

1 comentario: