lunes, 20 de diciembre de 2010

ARCOS MOLDES BEN MERECE UN MONUMENTO EN RIANXO

Xosé Comoxo

No mes de decembro de 1944, fai agora 66 anos, morría na rúa do Hospital de Rianxo, un home bo e xeneroso, toda unha institución no mundo da cultura rianxeira; trátase de Don José Arcos Moldes.
Nacera en Santa María de Curro, e de rapaz asentárase cos pais en Rianxo para facerse cargo dunha herdanza que lles deixara un parente crego. Despois de pasar polo Seminario de Compostela, marchou a Barcelona para ampliar os seus estudos mercantís, regresando en 1891. A partir dese ano, comeza o seu labor educativo na vila, que non abandonará ata a súa vellez.
Ese labor abarcou un sen fin de campos. Fundou diversas rondallas e comparsas, coa finalidade de que a xuventude mariñeira non fora tanto ás tabernas e se interesara pola cultura. Foi un grande impulsor do xornalismo local, e logrou sacar á rúa un feixe de xornais: “El Censor”, “La Defensa”, “El Barbero municipal” (este coa axuda da conservadora “Casa Mariano”, que loitaba politicamente contra os liberais da “Casa Varela”) e “La Justicia”. Chegou a crear diversas sociedades culturais, a primeira delas de nome “Bretón”.
Sen dúbida, o seu quefacer máis meritorio foi o de ensinar, de maneira gratuíta, a diversas xeracións de rianxeiros, especialmente aos adultos. Mostrouse fachendoso diso e da “abundante colleita acadada”, se ben, de todo saíu moi mal parado economicamente.
Participou nas liortas mariñeiras de comezos do século XX, contra as artes de pesca foráneas. Redactou varios regulamentos de sociedades mariñeiras e piñeiras.
Como resultado de todo, especialmente polo seu desinterese monetario, na súa vellez pasou unha grande penuria. Os rianxeiros déronse conta de todo, pero as calamidades da posguerra castigaron a case todos por igual.

Foi tanto o ben cultural realizado en Rianxo, que aínda hoxe, despois de tantos anos do seu falecemento, a súa personalidade é recordada con agarimo por parte de todos, moi especialmente pola xente de certa idade. Este home ben merece un monumento na vila.

2 comentarios:

  1. Comparto contigo esa opinión. Resulta moi meritoria a súa labor desinteresada en pro da cultura popular e do desenvolvemento económico do noso pobo.

    ResponderEliminar
  2. Estou de acordo totalmente con ese desexo teu e máis de Tubio.É unha pena que todo estea nas mans dos políticos e non nos sentimentos dos pobos. Arcos é Rianxo mesmo. Deberiamos recoller firmas pola vila e presionar a quen mande para que se faga xusticia cun home que foi especialmente querido e respectado polo seu pobo. Mira a revista da Guadalupe do ano 2006 cando eu escribia ( agora xa non ) e verás o que decia sobre esto por boca da tia Marica, que non tiña pelos na lingua. Xa o dixen fai cinco anos e,non a todo o mundo lle gustou. Por cousas así deixei de escribir, porque para min a revista debia ser un trampolín para quen quixera logo escribir máis en serio e non unha pera almibarada que lle tiña que gustar a todos. Escribir con xusticia sen ofender. Ese e o meu lema. Un dia témonos que poñer serios e preguntarlle ó pobo que quere sobre este tema.nuco

    ResponderEliminar