viernes, 2 de octubre de 2009

Don José Carnero Valenzuela


ANTE A SUBLEVACIÓN MILITAR DE FRANCO

Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Don José Carnero Valenzuela, foi boticario de Rianxo durante un bo número de anos da posguerra. É un home ben recordado na vila polo seu desinterese monetario á hora de vender as menciñas na súa farmacia en tempos difíciles para os rianxeiros. Logrou xuntar, nos comezos dos anos 50, a un bo número de mozos e mozas, e con eles formará un interesante grupo de baile rexional, do que algún día haberá que falar.

Cando toma posesión da farmacia rianxeira, en 1948, deixaba atrás un pasado relevante no referente á súa oposición á sublevación militar de xullo de 1936. Segundo datos que subministra o investigador Luís Lamela, no seu libro “1936, La “Cruzada” en Compostela”, desde novembro de 1935, está ausente de Santiago. Residira primeiro en Cervera, onde exerceu de profesor, e logo, como encargado de curso, en Yecla, ata xuño de 1936, mes no que se despraza a Madrid coa finalidade de realizar unhas oposicións. Volve o 10 de xullo e desprázase á casa duns familiares en Bandeira a onde chega o 16.

O “movemento salvador de la raza española”, de Franco, manifestase o 20 de xullo de 1936 en Santiago, data na que Carnero, ao decatarse polo alcalde de Silleda da situación que se estaba a vivir en Pontevedra e en Compostela, colle un autobús da Empresa Castromil que realizaba o traxecto Ourense-Santiago e preséntase na súa vila santiaguesa, entre as seis e sete da tarde. Acude ao concello e visita ao alcalde Ánxel Casal (que chegara pouco antes de Madrid, a onde fora, formando parte dunha comisión de galegos para entregar no Congreso de Deputados o aprobado Estatuto de Autonomía), quen lle encomenda certa misión na emisora de Unión Radio Galicia, tomada por individuos armados da Fronte Popular e mineiros de Noia, que non puideran viaxar á Coruña “por encontrarse sin municiones”. Pola tarde, Carnero trasládase ás instalacións radiofónicas situadas no convento de Santo Domingo, onde estaban os equipos de emisión necesarios.

Comprobadas as instalacións, Carnero e José Caldas (veciño de Ponte, Santa Cristina-Noia), entre outros, fixéronse cargo do micrófono. Así comezarán a radiar diversas noticias “recibidas de otras emisoras de radio o directamente por teléfono desde el Palacio de Raxoi”. Na súa alocución, Carnero destacou a morte dos oficiais do acoirazado Xaime I, a mans da mariñeiría, e pronunciou “varias alocucións dirigidas a levantar el espíritu de las gentes que como los mineros y campesinos se habían levantado en armas para defender la II República” (un informe militar sostén que Carnero dedicouse a “insultar al Ejército y al verdadero pueblo que siente a España, excitando a la rebelión”)

Permaneceron na emisora ata as tres da madrugada do día 21, hora na que Carnero intentou contactar co concello, comprobando que non había ninguén nas dependencias, a excepción do conserxe, que o puxo ao tanto da saída ás rúas dos militares. Instou aos homes que estaban con el a abandonar as instalacións de Santo Domingo, fixérono pola horta, evitando así a saída pola porta principal coa finalidade de non ser detidos polos militares rebeldes. Logo, cada un fuxiu por onde puido, tomando direccións distintas. Carnero conseguiu chegar, andando, a Bandeira. Aos poucos días, concretamente o día 27 de xullo, foi detido por unha patrulla militar, enviada expresamente para capturalo, cando se atopaba agachado co seu primo Ramón Valenzuela Otero nunha finca denominada La Viña (Bandeira). No intre da detención, Carnero dirixiuse ao cabo da forza pública dicíndolle; “que como estaban allí, si ya estaban licenciados y debían irse a sus casas”

O informe emitido polo xefe da Comisaría de Vixilancia, datado o 4 de agosto, sobre Carnero di o seguinte:

Respondiendo a su atento escrito de fecha 1º del actual, en el que me interesa informe de conducta del vecino de esta Ciudad JOSE CARNERO VALENZUELA, tengo el honor de manifestarle que este individuo, según resulta de los antecedentes que obran en Comisaría, es un destacado separatista, aconsejando en sus prédicas revolucionarias la violencia como medio de lograr sus propósitos. Políticamente está conceptuado como elemento dirigente agitador de las masas obreras y peligroso por sus doctrinas y actuación social. Últimamente figuraba como miembro directivo del Partido Federal de Izquierda Gallega en esta ciudad”

Tomado Santiago polos militares, as detencións de republicanos foron importantes. Entre eles había un rianxeiro: Sixto de Aguirre Garín, acusado de pertencer ao Comité dos vinteún, formado no consistorio compostelán para defender a legalidade republicana, e de levar, xunto con outros: “cajones y paquetes que decían ser de dinamita y cartuchería (…) Que esta dinamita oyó decir que procedía de las minas de Noya…”. Do cárcere dos baixos de Raxoi, non tardará en ser sacado de noite por un grupo de falanxistas, xunto co pintor Camilo Díaz Baliño. Os seus corpos apareceron sen vida, o 14 de agosto, no lugar de Saa, parroquia de Meixide (Palas de Rei). Carnero Valenzuela, tamén na mesma cadea, tivo máis sorte.

En novembro de 1936 celébrase un consello de guerra, por delito de traizón, contra 13 inculpados, entre eles Carnero. Os cargos que se lles imputan son, que nos días 18, 19 e 20 de xullo estivo constituído en Santiago un Comité de Defensa da República, co pretexto de defender o réxime e intentar crear un “movimiento revolucionario”, ao ter coñecemento do alzamento militar producido. A tal fin dispuxeran recoller as armas que había nas armerías de Compostela, incluso as das forzas de Seguridade e as depositadas no Cuartel da Garda Civil, sen lograr de todo o seu obxectivo. As poucas recollidas depositáronse no consistorio, coa finalidade de ser distribuídas entre “los individuos que iban presentándose”. No caso de Carnero, que non dera instrucións escritas de ningún xénero, nin ordenara facer incautacións de armas, o cargo seguido contra el estaba baseado na toma da radio local, desde onde “excitó constantemente a las milicias marxistas armadas, que circulaban por las calles profiriendo soeces insultos al Ejército, y ensalzando los crímenes cometidos en la Marina de Guerra”. Os feitos son constitutivos de delito de traizón, conforme o código de Xustiza Militar, por entorpecer as operacións do Exército sublevado. Os procesados, salvo Carnero, foron castigados coa pena de morte.

Carnero Valenzuela, a dicir do seu defensor, non fora autor da nefasta organización da Fronte Popular, nin dirixente, nin individuo do Comité de Defensa da República, nin tan sequera realizara “detenciones, ni ha repartido armas o explosivos”. Tan só era un militante máis “devorado por esa hidra con tentáculos de literatura grotesca pseudo-social, que, con bárbara furia, irrumpió en las conciencias nuevas dando lugar a éstos movimientos de juventud (...)” Nin sequera era un organizador dada a súa ausencia de Compostela neses intres.

Pode ter un delito probado: o de actuar desde a emisora de Unión Radio. Por ese motivo “se le hace incurrir en el artículo 223 (apartado 6º) del Código de Justicia Militar que se aplica al que de modo malicioso ponga entorpecimiento a las operaciones del Ejército o facilite las del enemigo”. A dicir do seu defensor, non se pode considerar comprendido nese artigo “por no haberse producido en campaña o territorio declarado en estado de guerra”, en todo caso si podería ser un delito do Código penal común:

“(...) si a la resolución del Ejército para declarar el estado de guerra no existe resistencia alguna, porque del sumario se desprende que la huida es anterior (se proclamó a las 3,30 y mi defendido puso pies en pólvora a las 2 de la madrugada) no existe, por lo tanto, el delito de rebelión de que se le acusa. Respecto a las palabras del artículo del Código “o facilite las del enemigo” dicho queda que mi defendido no ha tenido parte activa reducido en su actuación a la radio. Hay en cambio injurias, insultos graves, gravísimos al Ejército a la hora en que el noble Ejército español daba nuevo ejemplo de visión clara del porvenir nacional; a la hora en que el Ejército hace honor a España (...) Estos hechos son anteriores a la declaración del estado de guerra, y no caen dentro de todo lo solemnemente hecho público porque éste no tiene efectos retroactivos, aparte de que la excitación a la oposición no ha producido entorpecimiento ni resistencia alguna a la fuerza que se apoderó de todo el pueblo con la máxima facilidad”

O defensor, para abrandar aos membros do Tribunal, párase na personalidade de Carnero que, segundo el, era un home delicado de saúde desde sempre, que padeceu varias enfermidades, entre eles unha lesión de tipo tuberculoso “que ha pasado a la cronicidad”. Era “serio, tímido unas veces, impulsivo otras, amigo de tragarse toda clase de lecturas que tuviesen un tinte de snobismo intelectual, rígido en su concepción de la vida, terco en sus discusiones en las que jamás cedía el terreno al adversario (...); idealista denodado y extraordinariamente ambivalente en los afectos (...)”

Algúns dos acusados tiveron a oportunidade de tomar a palabra antes da sentencia, unha vez preguntados se tiñan algo que alegar. Carnero indícalle ao Tribunal “que no tenía nada que manifestar”. A sentencia (datada o 19 de novembro de 1936) foi a seguinte: 11 penas de morte e 2 de reclusión perpetua, “como autores de un delito consumado de rebelión, que prevé y castiga el artículo doscientos treinta y ocho, punto segundo en relación con el doscientos treinta y siete del cuerpo legal citado”. Carnero estaba entre os condenados a morte.

Os diversos recursos presentados tan só fixeron efecto no noso biografiado. Foille rebaixada a pena imposta, “por la inmediata inferior señalada en el delito, téngase por impuesta la de reclusión perpetua al citado José Carnero Valenzuela”. Os demais foron pasados polas armas nas inmediacións do cemiterio de Boisaca (Santiago), ás 6 e media do 3 de decembro.

Co paso do tempo, revisada a condena, foi condenado a 12 anos e un día de prisión maior. Despois de pasar varios anos na cadea de Santiago e no Destacamento Penal das minas de volframio de Silleda, foi posto en liberdade condicional o 20 de xuño de 1943. En 1946, Carnero solicita o indulto acolléndose aos beneficios do Decreto de 9 de outubro de 1945, petición que lle foi aceptada e aprobada polo Capitán Xeneral o 6 de maio de 1946, séndolle notificada a liberación definitiva o 26 de outubro. En 1948, como indicamos, fixa a súa residencia en Rianxo ao facerse cargo dunha botica que estivera rexentada por Domínguez Baraja.

No hay comentarios:

Publicar un comentario