Este creador nado en Rianxo comeza a xubilación coa intención de recuperar a súa vocación pictórica
Xosé Ricardo Losada
Hai algo en Comoxo que invita a confiar nel. O franciscanismo rebelde da barba. A mirada lánguida pero orgullosa. O caos formal do pelo. Esa forma de relacionarse consigo mesmo mentres fala, tan propia dun vello artesán. Ou, quizais, esa levidade inmaterial dun pincel vello que teñen os seus xestos e que casan con ese afán seu por ser «unha persoa normal e boa, amigo dos amigos, que valora por riba de todo o respecto para cos demais e o esforzo nas actividades cotiás». Porque esa é a esencia que desprende Comoxo. Saber que os obxectivos máis difíciles de acadar non son os distantes e ideais senón os próximos e íntimos. Amigos. Profesión. Vila onde naciches. O respecto da muller e das fillas, por riba de todo.
Se tivese que resumir a súa obra, utilizaría unha expresión que el emprega moito para referirse a personaxes históricos. «Foi inxustificadamente esquecido». Esa é a súa máxima obsesión. «Sempre botei de menos que Rianxo carecese de historia escrita». Por iso, aínda recoñecendo as súas limitacións, e dado que persoas máis capacitadas non parecían ter interese, decidiu investigar e publicar o pasado de Rianxo. «Fun algo atrevido pero doíame o desprezo dos rianxeiros pola historia do seu pobo. Mesmo había quen dicía que os escudos heráldicos foran traídos doutros lugares». Co amigo e poeta Xesús Santos comezou un arduo labor de recuperación que, ata o momento, frutificou en catro libros. Unha biografía de Arcos Moldes e tres estudos sobre diferentes aspectos da historia de Rianxo: heráldica, campo de concentración do Castillo e a República.
Agora ben. En tempos de reflexión sobre a importancia da memoria histórica, Comoxo precisa a perspectiva: «A memoria histórica non pode comezar en 1936 e rematar tres anos despois, como se pretende por parte dalgúns e por intereses concretos». Por iso, está orgulloso de formar parte da Comisión Centenario de Castelao que en 1986 intentou evitar a politización do ilustre rianxeiro, e cre prioritario coñecer outras épocas da historia de Rianxo como a fidalguía, o señorío e, sobre todo, o mundo do mar, as confrarías gremiais e os carpinteiros de ribeira.
Porque esa é a clave da súa cosmovisión. O mundo mariñeiro. Na súa adolescencia traballou de administrativo no pósito de Pescadores e tivo «o privilexio de trabar amizade cun sen fin de mariñeiros de idade. Aqueles homes si eran boa xente». E non pode deixar de reclamar que se citen nesta entrevista: «O señor Valente, Antonio o Bolillo, Juanito o Arousán, Xusto o Caramuxo, Andrés Galbán, que preparaba os choquitos en su tinta como ninguén». Pero quen eu creo que marcou a traxectoria de Comoxo é outro vello mariñeiro, Alfonso de Arcos: «Sabía moitas historias da política da vila, e persoais, pero calaba case todas».
Comoxo dedícase agora a facer falar, antes de que sexa tarde, a todos os Alfonsos de Arcos que quedan en Rianxo. Pero non é suficiente. Consultar arquivos é parte fundamental do seu traballo. Un traballo lento, minucioso e laborioso que enfronta con ledicia máis que con resignación. Ao fin e ao cabo, é un perfeccionista. Na actualidade recolle datos, vía oral e vía hemeroteca, sobre a historia de Rianxo no franquismo, e gustaríalle «que outros prosigan o labor emprendido», a ser posible investigando outra figura inxustificadamente esquecida: «Roxerius, que sempre gabou o seu rianxeirismo e tivo unha vida exemplar». Volvemos comprobalo. A Comoxo interésanlle máis as figuras históricas de perfil ético que as de perfil político, aínda sendo menos rendibles no mercado intelectual galego actual.
Con esa atmosfera, non podo evitar preguntarlle, para rematar, se está de acordo con esa crítica que nos fan aos rianxeiros. Ser demasiado rianxeiros. Destrúe o tópico como esixe o sentido común. Oblicuamente: «Rianxo supón moito para min. Nesta etapa da miña vida, fártome de recordar o meu pasado rianxeiro. Pero vivo en Santiago». É lóxico. Para coñecer o pasado colectivo dun lugar convén marcar distancias. Como diría Kipling, os que menos saben de Rianxo son os que só coñecen Rianxo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario