Libro dos historiadores rianxeiros Xosé Comoxo e Xesús Santos
Por Avelino Abuín de Tembra (2006)
O "Ano da Memoria" traerá resultados fertilísimos. Non só exhumando lugares e paraxes en que aínda xacen as vítimas da represión e da crueldade, nun anonimato ignominioso. Tamén descubrindo documentos en que se faga patente a verdade daqueles feitos tristes, unicamente contemplados desde a perspectiva vencedora ao longo de cincuenta anos.
Reconstruíndo a epopea dos cidadáns que se mantiveron leais e fieis ás institucións republicanas, lexitima e democraticamente designadas. Aínda quedan xentes de boa vontade que pensan que a República de 1936 foi un ente maligno, nacido das entrañas do averno, xerador de todos os males españois, asasino de cregos e de bispos, incendiario de templos e conventos, aliado da URSS e propulsor do comunismo.
Ao éxito de tan manipulada propaganda contribuíron, paralelamente, certas organizacións católicas que converteron a rebelión militar nunha cruzada. Axudaron, finalmente, o medo e o terror que impuxeron as bandas fascistas con asasinatos atroces, vinganzas e represalias inhumanas naquel pandemonio sen sentido en que semellaba ter triunfado a barbarie e o capricho duns poucos sobre o resto da cidadanía e sobre a civilización.
Iso e moito máis. Pero non exactamente así como o contou o réxime triunfante a nivel nacional, local ou comarcal. Hai historias reais, impresionantes no contexto humano, social e mesmo político. Cada concello deberá ter a súa propia historia nos anos da II República e na traxedia da guerra civil. Acaba de me chegar ás mans un libro exemplar que anula toda unha serie de mentiras: Saúde e República. Rianxo 1930-1936. Política e Sociedade, debido ao estro e ao esforzo de dous historiadores rianxeiros: Xosé Comoxo e Xesús Santos. Edición do propio Concello de Rianxo, 2006. Un libro denso e clásico no xénero. Tal vez o máis completo estudo realizado na órbita local en Galicia.
É, desde logo, a obra máis lograda do amplo currículo dos entusiastas investigadores. Nel pode albiscarse o cariño e a entrega á historia de Rianxo, que atinxe Galicia pola súa dimensión histórica e pola importancia que tiña Rianxo neste tempo. Os autores posúen contrastada experiencia tras o ensaio Biografía de Arcos Moldes. Rianxo, apuntes dunha vila mariñeira, 1994. No caso de Xesús Santos está tamén a participación no volume Rianxo na Guerra Civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra, 1937-1939, tirado do prelo en 2003, en compañía de Xesús Costa Rodil.
O libro Saúde e República. Rianxo 1930-1936. Política e Sociedade comeza cun limiar curioso. Trátase dun comentario do mártir Arturo Noguerol sobre o Rianxo de 1929 (Noguerol foi secretario do Concello de Rianxo nos determinantes anos da República).
Despois, desenvólvese minuciosamente o programa trazado: tratar de desvelar a intrahistoria de Rianxo vencellada, a un tempo, á historia de Galicia na II República. Ofrecerlle á sociedade estudos sobre un tema idéntico desde ópticas distintas, absolutamente respectables. Aproximarnos a unha colectividade veciñal que manifesta o seu perfil civil de formas diversas, pero non por iso carentes de valores positivos, que sempre se encontran cando se buscan con serenidade. O amplo esquema do copioso ensaio comeza cun capítulo que nos parece destacable: A política local durante a ditadura de Primo de Rivera. Etapa en que xorde un dirixente carismático de Rianxo: Mariano Rodríguez Dios, o pai de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nesta época desaparece o gran poeta Manuel Antonio: 28 de xaneiro de 1930.
Outro capítulo importante de Saúde e República é o titulado "A II República ás portas", páxina 69, en que se abordan acontecementos específicos de Galicia previos á proclamación republicana: pacto de Lestrove, banquete de Barxa e compromiso de Barrantes.
A eles adhírense sobranceiras personalidades de Rianxo: Castelao, Roxerius, Manuel R. Castelao, Rafael Dieste, Arturo Noguerol... ". É a hora solemne de Galicia. Voces vibrantes, voces plenas de viril cidadanía álzanse ante as multitudes congregadas no agro (almas inxenuas, soterradas en prexuízos ancestrais) e conmoven o ambiente céltico coa xesta das súas verbas liberadoras".
A situación confusa en que se encontraba Rianxo durante os primeiros meses do novo réxime está descrita en pormenor, con preocupación de reflectir nomes e actuacións públicas dos protagonistas: Sixto Aguirre, Viturro, Losada Castelao (curmán de Castelao), Arcos Moldes -un dos grandes protagonistas da vida de Rianxo-, José R. Nine, Cambeses Rey, Rivela Rial, Rodríguez Segade, o primeiro alcalde da República, así como a influencia dos políticos de Padrón... Destacan particularmente os episodios referidos á elección a Cortes, a proclamación do Estado Galego, as agrupacións políticas, a acta parlamentaria de Castelao, a fundación e presenza en Rianxo do Partido Galeguista, a designación de candidatos para os comicios de 1936, os novos rexedores tras o triunfo da Fronte Popular.
Non faltan os anecdotarios desta xeira fondamente implicados na vida rianxeira: o Liceo Artístico, as Misións Pedagóxicas, os grupos galeguistas de Asados e Leiro, o teatro en Rianxo, a homenaxe a Manuel Antonio e o intento de lle levantar un monumento na illa Malveira (un episodio que resulta imprescindible consultar aquí), a morte de Manuel Viturro afastado do Rianxo natal, o Himno a Rianxo incorporado ao galeguismo, a xuventude de Rianxo detida a consecuencia da revolución de 1934. O volume leva, ademais, unha copiosa anotación, por veces superflua e reiterativa, seguida dunha serie de documentos e testemuños escritos, algún deles inéditos.
Unha obra completa e utilísima. Permítanlle ao cronista expresar aos autores de Saúde e República. Rianxo 1930-1936 as fervorosas congratulacións. Un libro que, sen abandonar o localismo dunha vila con indubidable protagonismo histórico e cultural, accede á categoría de historia de Galicia.
Todo o que aquí se di resulta transcendente. Son momentos decisivos de Rianxo e de Galicia. Fráguase neles un futuro de liberdades. Xosé Comoxo e Xesús Santos acertaron plenamente no enfoque e no desenvolvemento da epopea substantiva e da miscelánea accidental. Iso debe constar publicamente, porque é de lei. ¡Felicidades, meus amigos!
(O libro está á venda na Librería Cándido, de Rianxo)
Este libro merece o meu eloxio. Por fin podemos saber algo da historia de RIANXO, tan esquecida por todos. Grazas por todo.
ResponderEliminar