lunes, 12 de octubre de 2009

Manuel Rodríguez Castelao ("Insua")

Apuntes da súa curta vida (I)
Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Pilar Castelao Genme, unha vez viúva de Juan M. Losada García, casa en segundas nupcias, aos 40 anos, con Manuel Rodríguez Insua, de 38 anos, fillo de José Rodríguez Fungueiriño e Juana Insua. A voda celébrase o 31 de agosto de 1903.

O 6 de setembro de 1905, ás 10 da mañá, nace en Rianxo Manuel Rodríguez Castelao. Será bautizado o día 9 polo crego Don Manuel Otero Mariño, sendo seus padriños Mariano Rodríguez Dios e Joaquina Castelao Genme.

Antes de nada, debemos pararnos en Manuel Rodríguez Insua, pai do rapaz. Este home exerceu diversos oficios: carpinteiro, encargado da fábrica de conservas situada no “Castillo”, da familia Goday, comerciante, propietario, recadador do imposto de Consumos, e concelleiro (cargo do que renuncia por enfermidade, en marzo de 1924).

Cando exercía de recadador municipal e debido ao seu estado de saúde, solicita á alcaldía que se fixera cargo dos valores pendentes de cobro. Tal petición no é aceptada, o que motivará un preito por diferenzas de criterio: Insua entendía que non estaba obrigado “de realizar la Agencia ejecutiva para el cobro de recibos pendientes” (nada menos que catro mil e pico de pesetas), opinión que non compartía o Consistorio470. Non lle admitiron recurso algún contra o acordo tomado polo pleno municipal do 31 de xullo de esixirlle o ingreso da cantidade endebedada, e dos recibos pendentes nun período de tempo de oito días, o que consideraba un “error gravísimo que comete el Alcalde de Rianjo”, segundo lle comunica o interesado ao gobernador civil. A comisión do pleno do 29 de novembro, toma a decisión de seguir advertíndolle a Rodríguez Insua que, de non ingresar o importe endebedado, procederían “al embargo y venta de sus bienes que sirvieron de fianza para responder de su gestión”. O gobernador civil deulle a razón a Insua:

“Y respecto a los recibos pendientes de cobro, debe esa Comisión Permanente, tener en cuenta lo dispuesto en el artículo 173 letra b, de la Instrucción de 26 de Abril de 1900, admitiendo los que no resulten perjudicados y haciendo la gestión cobratoria, toda vez el funcionario destituido no está capacitado para hacerla...”

Na actuación xudicial seguida, o xuíz de Instrución de Padrón solicita ao Concello de Rianxo, en xuño de 1926, un informe da conduta de Rodríguez Insua: “de que este, como ciudadano y como recaudador del impuesto de Consumos, ha observado constantemente una conducta sin la menor tacha siendo conceptuado entre el vecindario como persona digna, formal y honrada”. Por esta e outras consideracións, a relación do alcalde Mariano Rodríguez co seu parente foi ao traste.

Ao parecer, a “rica” era a súa dona, Pilar Castelao, posuidora de bastantes fincas e casas, que logo venderían para facer a casa “dos doce balcóns”, situada na rúa de Abaixo (hoxe da familia Galbán).

Rodríguez Insua tiña un defecto: era bastante afeccionado ao xogo. Nunha ocasión estafárono en Vilagarcía, cando lle fixeron firmar un papel “ás escuras e sen saber o contido do documento”. Por esa causa quedarán sen a fermosa casa antedita, ao ter que vendela para pagar a débeda contraída. Tiveron que ir vivir a unha casa da rúa do Medio, propiedade da señora Pilar (a “do Mango”). Rodríguez Ínsua morre en novembro de 1934.
***

Manuel Rodríguez Castelao (o “Insua”), durante os oito anos de emigración de seu irmán José Losada Castelao, mantivo unha atenta correspondencia con el. Nunha foto-tarxeta, sen datar, onde aparece con tres canciños, dille:

“Querido hermano: Poco tienes que agradecerme, pues debía ser más atento contigo de lo que soy en escribirte; pero sé por cartas de mamá que sigues bien de salud que es lo principal, y lo que más deseo.
Mamá ya está mejor del dolor de cabeza.
Tú recibe un abrazo de tu hermano. Manolo.
Tenemos una perra, la cual tuvo tres cachorritos con los cuales me retrató José María Varela cuya tarjeta te mando”

Coma seu curmán Castelao, o rapaz tiña unha grande afección polo debuxo e a pintura. Con dezaoito anos preséntase á Exposición Rexional, celebrada na Coruña en 1923, con dous cadros ao óleo de temas da vila. Cadros seus conservábanse na casa de Rafael Dieste e na de Isla Couto, de Vigo. Axudou a Castelao na recollida de debuxos dos cruceiros de Rianxo, como así o confirma a carta de Manuel Antonio, datada en 1925, ao propio Castelao: “Teu curmán xa leva feitos algúns cruceiros que logo che mandará”. A súa afección era ben coñecida polos amigos, como Antonio Crusat, quen lle envía a través de Manuel Antonio (3 de outubro de 1921) un bosquexo do barrio de Cunchido, en Escarabote “por onde ti pasastes cando estuvestes nesta, pra que llo dés a Manolo “de Insua” a ver si lle sirve pra un cadro. Xa vai ahí algo espricado, pois doutra maneira non o entendería”. Entre outros pintores amigos seus, cabe destacar a de Maside, amizade que nacera por intercesión de Manuel Antonio.

En 1923 entra en quintas. Pertence á de 1926 co número 23, e tras o recoñecemento facultativo resultou ter miopía e varices en ámbalas pernas, sendo declarado útil para servizos auxiliares.
Despois de pasar por unha academia de Vilagarcía e de cursar estudios de ensinante na Escola Normal de Mestres de Santiago, en abril de 1930 fai o depósito para a obtención do título de mestre de primeira ensinanza, solicitando a súa participación nas oposicións ao Maxisterio.
É o momento no que morre súa nai Pilar (5 de novembro de 1930), á idade de 63 anos:

“(...) Estas virtudes unidas al bondadoso y afable carácter habían captado las simpatías de cuantos le trataban. Por eso tanto en el sepelio como en el funeral, se vio una concurrencia numerosísima que entristecida rendía el último tributo a la mujer buena”.

Ata Rianxo achegouse Castelao, desde Pontevedra, para despedir á súa bondadosa tía.

No referente á carreira de Manolo "Insua", en setembro de 1931, solicita participar nos cursiños de selección de mestres que ían comezar o 26 de outubro, de aí que non acudira coa regularidade debida ás sesións, como concelleiro que era, por estar máis preocupado polos estudios preparatorios das oposicións ao Maxisterio Nacional.

Logo de aprobar as dúas primeiras partes desas oposicións, concorre aos cursiños do segundo exercicio das probas. O mestre Constantino Peón López, da Escola Nacional de Nenos da rúa Pastoriza-A Coruña (datado o 22 de xuño de 1932), emitirá un informe moi favorable do seu labor á fronte dos rapaces (onde puido levar a cabo, segundo Peón López, “nuevas normas didáctico-metodológicas que son, la vanguardia en los sistemas de enseñanza más acreditados”). Considerouno un mestre culto “y con acusada orientación profesional, permitiéndose esperar un máximo rendimiento cultural de su fecunda y copiosa labor, el día que esté al frente de la escuela que puedan adjudicarle”.

Superou as oposicións a Mestres de Instrución Pública no tribunal de Santiago, onde obtivo o número 27 entre un total de 244 aspirantes. Foi no mes de xuño e ao pouco faise cargo da escola mixta de Fincheira, en Rianxo, e logo, en 1935, da do Pazo.

Como consecuencia do conflitivo mes de outubro de 1934, principalmente en Rianxo, Manolo “Insua” decide abandonar o cargo de concelleiro. O motivo oficial foi por incompatibilidade co maxisterio.

O mes de novembro non era de bo recordo para os irmáns “Insua”. Curiosamente tampouco o foi en 1934, non só polos acontecementos políticos do momento, senón pola morte do pai a consecuencia de “arterio esclerosis”, cando contaba con 68 anos de idade. A partir dese intre a “criada” da casa, Encarnación Rey, xogará un papel importante na vida familiar.

Ao ano seguinte, en 1935, Manolo “Insua” colabora xunto con varios amigos, entre eles Rafael Dieste, na organización e posta en escena en Rianxo, no local do señor Vicente, da obra de teatro “A fiestra valdeira”. Nela traballou de actor, interpretando a Don Miguel, e pintou os decorados. Os ensaios e a selección dos actores, despois de buscalos polas tabernas, fixéronos no “cuarto do medio” da casa dos Dieste, lugar habitual de reunións político-culturais e de amizades (“era casa de puertas francas”), moi especialmente nos Nadais, cando “venían los Castelao (se juntaban las cenas), los Aguirre; algo más tarde Nine, acaso Arcos. De pronto en la sombra de la calle sonaban panderos, bombo, clarinete, acompasando el coro de misteriosas voces aldeanas...”

“(...) ¿Volveremos a hacer aquel teatro? No sé, no sé. Quizá nos echaríamos a llorar en el momento del reparto, al echar de menos a “Don Miguel”, y al que subía y bajaba la cortina con tanta gravedad, y al director de nuestra orquesta y a tantos compañeros que faltan. Quizá nos están esperando...”
(Extracto dunha carta de Dieste a Marcial Romero, 14-1-1950)

A instancias dos membros do Partido Galeguista de Asados, colabora na fundación dun grupo teatral, dependente do partido, que chamarán “Airiños”. Tamén pinta e decora os escenarios.

A morte por enfermidade en 1936, cando comezaba a guerra civil, de José R. Nine Piñeiro, foi outro duro golpe para unha parte da mocidade rianxeira. As desgrazas continuarán despois de ser enterrado o amigo, ao teren que fuxir todos, dadas as circunstancias. Os “Insua” agacháronse nos montes de Rianxiño, “entre as mimosas de Viturro”, e incluso no cemiterio. No seu afán por collelos, os falanxistas locais tendéronlles alí unha trampa, pensando que irían, ou ben para agacharse ou para despedirse dos pais mortos. Non lograron o seu obxectivo, a pesar de que os irmáns puideron, antes de fuxir definitivamente, acercarse ao camposanto para darlle o último adeus aos seus, onde, a dicir dos comentarios, un deles sufriu un desmaio coa emoción.

Se cremos a unha testemuña, unha noitiña os “Ínsua” acercáronse á casa do alcalde, Germán Fernández, para manter unha conversa con el, e, ao parecer, o mandatario recomendoulles que non saíran do pobo e que faría o posible para que non lles pasara nada. Non lle fixeron caso.

Ten pouca credibilidade a afirmación de que na súa fuxida contaran coa axuda do falanxista “amigo” Eduardo “o da Viñiña”. Despois de andar varios días escondidos, chegaron a Carril nun barco dun mariñeiro da vila (pai de Manuel Miguéns Neira), e alí colleron un tren con dirección a Vigo. Tampouco hai seguridade de que marcharan “vestidos de cura” e de que pasaran “tranquilamente”, como se ten afirmado.

A finais de agosto de 1936, recíbese no Concello, procedente da Sección Administrativa de Primeira Ensinanza da Coruña, un comunicado relacionado coa destitución de, entre outros mestres, os “Ínsua” (José, mestre da escola número 2 da vila, e Manolo, da escola do Pazo). O documento que os cita foille entregado á criada da casa Encarnación Rey polo alguacil Quintáns Castaño, ao no estar os interesados, “manifestando la sirvienta que marcharon con rumbo a América ú otro sitio que ella desconoce”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario