jueves, 1 de octubre de 2009

O FÚTBOL EN RIANXO


A U.D. RIANJESA NO OITENTA ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN

Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Se algún día se recolle a historia do fútbol en Rianxo, necesariamente terase que falar da U.D. Rianjesa, sociedade futbolística creada en 1928.

A U.D. Rianjesa destacará como organización. O seu regulamento é aprobado polo gobernador civil da Coruña o 16 de febreiro de 1928. Na acta de constitución, do 1 de marzo, nomease, baixo a presidencia do socio fundador, Ezequiel Santos Aldao, a nova xunta directiva, na que figura, entre outros, Jesús Noya Iglesias e Ricardo Iglesias Vázquez, un rapaz culto, de 21 anos, que morre en xaneiro de 1929. O domicilio social estaba situado na rúa do Medio, número 7, e a partir de decembro de 1928 trasládase a unha casa da rúa de Abaixo. Contaba con donativos e subvencións particulares, así como con dúas pesetas por cada novo socio e unha, como cota mensual.

Os fins a acadar quedan reflectidos no artigo 3º do seu regulamento: “Proporcionar a la juventud, lícitas e higiénicas distracciones, como giras por la ría, sesiones musicales, partidos de foot ball, bailes para los socios y sus familiares, excursiones al campo con carácter principalmente educativo y otros deportes”. A directiva “tomará especial interés en la adquisición de libros para ilustrar a los socios y para recreo de los mismos”.

A crónica do partido que celebra, a comezos de maio de 1928, co Dodro F.C. resúltanos interesante, porque vemos que ao campo de Santa Lucía-Asados asistira “numeroso público”, que o xogo se disputara con corrección e que destacara un rapaz, coñecido por “Chiquelo” (Francisco Tubío Vicente, que casará en Bealo con María Triñanes), fillo dun zapateiro de Rianxo, quen, a raíz das algaradas acaecidas nas terras de Boiro nos comezos da guerra civil nas que participou dunha maneira moi esporádica, será “paseado” no monte do Castro, en Taragoña, o 15 de outubro de 1936, despois de ser denunciada a súa presenza en Ourille á Falanxe e Benemérita de Boiro.

Pouco antes da contenda bélica, vemos participando a un equipo que comezaba a destacar, o Rianjo F.C., seguramente encadrado na sociedade U.D.Rianjesa.. Xusto o día das revoltas, o 18 de xullo de 1936, xorde unha noticia: a comisión organizadora do campionato da “Ría de Arosa”, Copa Portela Valladares, de Vilagarcía, contaba con que os rianxeiros participarían, tras seren invitados. Non foi así, como consecuencia do golpe de estado. As camisetas e botas do equipo serán vendidas a un equipo de Carril, o Vulcano; a mesa de billar, na que os xogadores do Rianjo F.C. pasaban o tempo, quedou no local de Carme Pérez de Rañó (lugar habitual das xuntanzas galeguistas), e logo desaparecerá. O máis triste foi que a mocidade amiga quedou dividida politicamente, enrolándose algúns deles na Falanxe, incluso como voluntarios (caso de Sócrates Piñeiro, que será o primeiro “caído”, en marzo de 1937, en Biscaia; Barreiro, quen presenciou a morte do seu amigo Guillermo Rodríguez en Fuenteovejuna, o 16 de maio, e envía a noticia aos amigos falanxistas de Rianxo, supostamente desde Guernica; e Pepón Rañó, que andaba loitando polas terras de Cabruñana, en marzo de 1937).

Unha vez rematada a guerra, retoma a súa actividade a U.D. Rianjesa e con ela o Rianjo F.C. A sociedade constitúese en xullo de 1940, sendo presidida por Julio Ramos. Os obxectivos cambian radicalmente con respecto ao primeiro documento de 1928: agora, cos deportes a practicar polos asociados, quérese mellorar o “desarrollo físico y el temple moral de la juventud para el bien de la Patria” e divertirse nos bailes de “sociedade”, organizados para celebrar os Finais de Ano e Día de Reis.

Segundo un informe emitido en xuño de 1942 polo alcalde e xefe local do Movemento, José Rodríguez (“Rochil”), sobre as actividades da sociedade, agora presidida por Rogelio Bravo Ibáñez, estas eran deportivas e os seus compoñentes, mozos ex combatentes. A xunta directiva estaba ben considerada nos aspectos político, social e relixioso. O club competía esporadicamente con equipos veciños (entre outros, A Pobra, Ribeira, “Fortuna” de Vilaxoán, e Catoira).

Ao par que nacía a sociedade U.D. Rianjesa, tamén o facía Juventud Marinera, por obra e graza dunha soa persoa, José Pablo Torres, “de intachable conducta pública y privada, de ideología de derechas, afiliado a FET y de las JONS y en un todo afecto al Glorioso Movimiento Nacional”, que tiña a intención de aglutinar ós mozos mariñeiros, aínda que sen éxito xa que apenas durou dous anos.

O Rianjo F.C. desaparece a finais de 1943, para renacer nos comezos dos anos 50. En 1954, figura no campionato da Rías Baixas, zona norte, ao lado dos outros equipos do municipio rianxeiro, Santa Lucía, de Asados, e U.D. Amanecida, de Taragoña, que xa viñan figurando na competición desde 1952 (os restantes equipos eran: Céltiga, Catoira, Barraña, San Martín e Vilagarcía). O seu campo de deportes estaba situado na mesma vila, chamábase campo da Cruz, de propiedade particular. Entre outros xogadores, aparecen: Portugués, Ramón, Basadre, Calejas, Cebreiro, Rianxo, Juan, Polveirán, Litos, Ita, Requeté e Paz.

Tempo haberá para seguir explicando a traxectoria deste equipo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario