A suspensión dos actos públicos, reunións e manifestacións ordenada polo Goberno, en setembro de 1934, debido aos acontecementos graves polos que pasaba España, obrigou ás Agrupacións Galeguistas da localidade rianxeira a cerrar as portas.
Días antes de ser declarado o estado de guerra, a garda civil, con motivo da alarma producida por un suposto alixo de armas na vila, levara a cabo varios rexistros en domicilios de persoas relevantes. Non só por ese motivo, senón tamén polo clima tenso que se vivía (e incluso polos severos castigos que a Lei Marcial impoñía), os galeguistas debían suspender as actividades políticas. Sen embargo, as xuntanzas dos amigos, comprometidos politicamente, seguían. Nese sentido, o estado de guerra non influíu grandemente neles, xa que eran sabedores de que a garda civil do posto fora destinada a Ribeira ao proclamarse a Lei Marcial. Incluso un grupo de veciños saen a cantar na noitiña do 13 de outubro (ao igual que fixeran a triste noite de San Xoán de 1931). Na localidade tan só quedaran encargados da orde pública os carabineiros.
Neses momentos os supostos comentarios dalgúns mozos, nos que revelaron a súa intención de incendiar varios edificios da localidade (igrexa parroquial, casa-cuartel da garda civil e edificio consistorial), así como os berros na rúa proferidos por eles con vivas ao comunismo libertario e cánticos da “Internacional”, chegaron a coñecemento da Benemérita por confidencias reservadas.
O mesmo día 15 de outubro ao anoitecer trasládase a Rianxo, desde Ribeira onde estaba concentrado, o comandante do posto, Juan Reyes Doblado, xunto cos gardas civís Marcelino Prieto Zapico, Claudio Alarcón Moreno, Bernardo Méndez Rego, Nicolás Lojo Laíño e Emilio Rodríguez Gil, coa intención de practicar as xestións necesarias e descubrir aos autores desas supostas ameazas. Sabían ben a onde debían dirixirse, non só por coñecer a cada un dos posibles culpables, todos militantes galeguistas, senón polas acusacións recibidas de certas mulleres que, ao menos en dous casos, estaban vinculadas á garda civil. O propio Juan Reyes citará, entre outras, a Juana, criada do crego Don José Benito Fariña, a Carme Rodríguez e a Carme Cambeses.
Carme Rodríguez, declarara: “que el día 13 del corriente, estando en la fuente a coger agua oyó que del grupo formado por unas cuantas mujeres que esperaban su turno sin poder recordar quien fue a causa de la confusión por estar todas hablando al mismo tiempo, que una mujer decía que iban a poner tres bombas: una en el Ayuntamiento, otra en el Cuartel y la tercera en la Yglesia”
O 16 de outubro, os inculpados ingresan no cárcere, primeiro en Rianxo e logo en Santiago, a onde foron conducidos pola garda civil de Ribeira. Castelao ao decatarse, pasado un tempo e cando estaba desterrado en Badaxoz, comentaralle por carta a Otero Pedrayo todo o acontecido.
Serán procesados, “no en virtud de simples indicios, sino a causa de cargos concretos” que figuran nas declaracións das delatoras antes mencionadas; ademais de ser todos “sujetos de pésimos antecedentes y de ideas extremistas”, segundo lle notificou o capitán xuíz instrutor de Santiago ao auditor de guerra da 8ª División Orgánica da Coruña. Tratábase de Manuel Abuín Alcalde, Ricardo Abuín Alcalde, Alfonso Arcos Tubío, Candidito González Rañó, Vicente Tubío Rodríguez, José Fachado Lesende, Benito Rial Fungueiriño, Luís Rial Fungueiriño e Sixto de Aguirre Garín (detido na súa residencia de Imo-Dodro). A nómina de encarcerados increméntase o 10 de novembro, con Manuel Rodríguez Castelao e José Losada Castelao “os Insua”, reclamados polo xuíz instrutor de Santiago.
Non tardarán en comezar os interrogatorios e os rexistros domiciliarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario