sábado, 28 de noviembre de 2009

COMOXO EN CARBALLIÑO


De cando en vez, Comoxo gusta de visitar o pobo de Carballiño, por dous motivos concretos: para recordar a súa nenez, cando acompañaba a súa nai a tomar as augas ao balneario; e para tomar o pulpo á feira, que tan ben preparan alí.

Os recordos amontóanselle cando pasea polas súas rúas e prazas: a pensión onde paraba, propiedade da señora Paca, e o cine, que xa non existen; aqueles días de feira que había nunha praciña preto da pensión, onde por primeira vez escoitou a un cego contando historias arrepiantes, acompañado dunha vella zanfona, que supostamente ocorreran na comarca, e que ao tempo vendía impresas en papel; o quiosco a onde ía comprar os TBOs, especialmente os de Roberto Alcázar e Pedrín, que, curiosamente e despois de tantos anos, aínda segue no mesmo portal de antano, nunha casa da rúa Principal.

Hoxe todo cambiou, e ata as estradas non son as mesmas... A Carballiño agora non só se debe ir a tomar as augas ao balneario, agora o que hai que ir é a tomar o pulpo e unha botella de viño tinto, tal como fai Comoxo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario