martes, 3 de noviembre de 2009

A HERÁLDICA NAS TERRAS DE RIANXO: BRASÓNS E LIÑAXES


Libro editado pola Deputación Provincial da Coruña, en 1997, dos autores rianxeiros Xosé Comoxo e Xesús Santos.

Oxalá este traballo sirva para “acrecenta-lo respecto a uns monumentos que son fillos do pasado e que encerran a clave de moitos datos para a nosa historia, na que tanto queda por descubrir, porque os escudos heráldicos non son motivos de necia vaidade, senón páxinas de pedra que consignan nomes e feitos do pasado”

RIANXO ábrese a múltiples posibilidades na súa fermosa paisaxe, tradicións e unha longa historia de traballo e imaxinación: dende a rica arqueoloxía ate os grandes persoeiros que cambiaron os rumbos no proceso renovador de Galicia. Aquí todo ten certa singularidade e merece divulgarse e estudarse en profundidade. Este é o caso e nesta ocasión valia como exemplo o libro “A heráldica nas terras de Rianxo: brasón e liñaxes”, obra de Xosé Comoxo e Xesús Santos, resultado dun paciente traballo feito con agarimo á súa terra: revisando casas grandes e pazos, documentando, contrastando, fotografando ou debuxando esas pedras armerías que nos remiten a un tempo, a unhas fazañas consideradas nobres, a uns liñaxes, a unhas familias con apelidos chegados ate nós e que se difundiron máis alá do mar da Arousa.

Debemos entender as páxinas deste libro como un xeito máis de entrar na nosa identidade, coñecendo aspectos do pasado, imprescindibles para resolver mellor un futuro que tenta uniformalo todo, onde a imaxinación e a cualidade recobrarán altos valores e Rianxo ten todo iso e máis. Son estas terras e mares con moito de nobreza fidalguía, de solidariedade aberta aos camiños do traballo e da vida, contribuíndo sempre a dignificar Galicia, tal como marcaron eses guieiros que caracterizan aos rianxeiros. Castelao abriu a unha encrucillada de camiños, cruceiros, brasóns... esas “Cousas” que semellan esquecidas pero que son a esencia de Galicia.

Xa nos gustaría que todos os concellos tivesen aínda que fose breves introducións dando a coñecer aspectos da súa historia. Con elo estaríamos abrillantando as mil posibilidades de espazos, de canto pode ofrecer a cultura, os pazos, as casonas fidalgas ben trazadas en cantería, cos seu escudos sobre a porta para remitirnos a un pasado que non é máis que as nosas mesmas raizames. Dándoas a coñecer contribuímos a ese orgullo solidario co mundo de ofrecerlle a nosa mellor historia.

(Prólogo do libro)

No hay comentarios:

Publicar un comentario